Skip to main content
Lugo

O PP de Lugo afirma que a fuxida de altos cargos do Concello provocará inestabilidade na xestión

Por 26 Febreiro, 2024Sin comentarios

O PP de Lugo afirma que a fuxida de altos cargos do Concello provocará máis caos e inestabilidade na xestión. O vicevoceiro popular Enrique Rozas afirma que a marcha da alcaldesa “foi a punta de iceberg” dunha cascada de dimisións xa que “en dous meses abandonaron o Concello dous funcionarios de alta dirección do organigrama municipal”.

Os populares afirman que a marcha do interventor agravará a situación caótica que se vive no Concello indicando que Lugo non é unha praza apetecible “dada a desorganización, os contratos caducados; proxectos faraónicos difíciles de manter, xestión moi deficiente e as disputas internas entre os socios do goberno, que complican o día a día do funcionariado”. Rozas denuncia “a deriva política do Goberno local”, así como a falta de persoal cualificado permanente en cargos clave está dificultando o funcionamento eficaz do Concello e, en consecuencia, “a prestación de servizos axeitados aos cidadáns”

Enrique Rozas explica que, ademais da saída destes dous altos cargos, outros postos de alta dirección están vacantes ou cubertos de forma provisional: nese caso está a praza da vicesecretaria cuberta de forma provisional por un técnico de administración xeral que non está habilitado ou a xefatura de Arquitectura; con respecto ás xefaturas de licenzas e contratación están vacantes a día de hoxe.

Rozas tamén foi crítico coa forma de actuar da nova alcaldesa intentando descargar nos funcionarios os problemas de organización do traballo referíndose á circular que remitiu o concelleiro delegado de persoal indicando que só acometen as funcións propias da súa categoría laboral. Noutra orde de cousas tamén puxo en tea de xuízo o criterio que se está a seguir co persoal interino xa que uns quedan traballando cando finaliza o contrato mentres que outros non.