Skip to main content
Lugo

Lugo Monumental pide máis control das obras en Lugo e máis e persoal para cumprir os prazos

Por 27 Febreiro, 2024Febreiro 28th, 2024Sin comentarios

Dende a asociación Lugo Monumental piden máis control das obras en Lugo e máis e persoal para cumprir os prazos. Por este motivo, rexistrarán este martes unha petición para que se vixíe o prazo de execución de semana en semana e para que se publiquen cada sete días unha análise e unha proxección dos traballos para saber se se poderán completar en tempo e forma e, de non ser así, “que se reclamen ás empresas máis medios”. Dende o colectivo amosan o seu malestar pola fuga de gas deste luns en Santo Domingo que non causou ningún danos e, aínda que os accidentes poden ocorrer, “non é a primeira vez que hai problemas coas canalizacións de gas, na Rúa do Teatro xa houbo un incidente similar”.

Para eles esta suceso mostra “unha preocupante falta de información que parece ter a Administración á hora de facer as obras, o que é rechamante porque as instalacións de canalización de gas son relativamente recentes e a Praza de Santo Domingo foi reconstruída completamente a mediados dos 80 ao instalar o aparcamento subterráneo municipal”. Pola súa parte, dende o Concello de Lugo aseguran que a rotura da canalización é unicamente achacable a un erro humano e que as tubaxes estaban sinalizadas. Dende o Goberno local tamén queren defender e poñer en valor a intervención e o labor desenvolvido de xeito coordinado polo servizos municipais de emerxencia que participaron no dispositivo e que se desprazaron inmediatamente tras recibir a chamada.

“Mentres os bombeiros centráronse en realizar as tarefas necesarias na inmediacións do punto do escape,  os axentes da Policía local procederon a acometer os cortes de seguridade precisos na contorna”. Púxose en marcha un dispositivo de forma preventiva para asegurar a zona e protexer a persoas e bens e “o tráfico restableceuse de forma definitiva na zona ás 16.25 horas”.

Dende o colectivo tamén denuncian unha reacción tardía e falta de información por parte dos corpos de seguridade. “A tardanza da policía en acudir á zona, de máis de media hora, fixo que fosen os bombeiros os que tivesen que atender, ademais da propia fuga, a xestión do público, o que non parece razoable”, aseguran. Ademais, tras solucionarse o problema, “non houbo contacto algún coa cidadanía para interesarse polos prexuízos causados, tanto polos peches dos negocios afectados como polo corte de subministración, que afectou a algúns locais de hostalería en pleno horario de comidas”. Uns argumentos que contradicen o exposto polo Goberlo local que asegura que se informou en todo momento da situación ao colectivo veciñal da zona co que mantivo un contacto fluído e parmanente durente o tempo que permaneceu activo o dispositivo.

A asociación Lugo Monumental tamén se mostra preocupada polo desenvolvemento das obras, ás que lle quedan uns catro meses por diante. E denuncian que é imposible que algunha delas termine no prazo marcado se “se segue ao ritmo actual e que hai unha máis que obvia carencia de persoal e medios”. O caso máis evidente, segundo sinalan, é o da rúa Montevideo, na que “apenas se interviñeron uns metros e aínda falta case todo por facer, xa que a obra inclúe tanto esa rúa como Bolaño Ribadeneira que nin sequera se iniciou”. Queren lembrar, ademais, que nos anos 90 as obras organizábanse a quendas de 24 horas, “facendo pola noite os traballos que non eran ruidosos ou molestos e de día os demais, e que iso fixo que fai trinta anos o ritmo fóra moitísimo máis áxil que agora”.