Skip to main content
ChantadaDeportes RIBEIRASACRAXA

Chantada acolle o Campionato Galego Absoluto e de Clubs da Federación de Karate este sábado

Por 15 Febreiro, 2024Febreiro 16th, 2024Sin comentarios

Este sábado, 17 de febreiro, Chantada acolle o Campionato Galego Absoluto e de Clubs que organiza a Federación Galega de Karate e Disciplinas Asociadas coa colaboración do Concello de Chantada.

A cita deportiva, que é clasificatoria para os Campionatos de España Absoluto e de Clubs, desenvolverase no pavillón municipal con diferentes competicións que comezarán ás 9.00 horas e, despois dun descanso para comer, volverase ao pavillón ás 16.30 hora,s onde competirán 391 deportistas de 121 equipos pertencentes a 37 clubs.

A organización amosa a súa satisfacción polo incremento das cifras de participación neste encontro, que contará con 17 árbitros e un equipo de staff integrado por 16 persoas.

“O ano pasado xa organizamos este campionato en Chantada e foi un éxito, a participación foi moi boa e este ano aínda é maior. Gústanos moito facer estas celebracións en vilas porque locen moito, nótase a xente pola rúa. Xuntámonos 500 persoas da competición e otras tantas de acompañantes. A grada o ano pasado era unha marabilla”, asegura o presidente da Federación, Óscar Lafuente.

A entrada é de balde e tamén poderase seguir en directo a través da canle de YouTube da Federación Galega de Karate e da plataforma web Karate Scoring.

Presentación do evento en Chantada

Durante a presentación do cartel da cita, o director técnico da Federación e representante dun club de Karate en Chantada, José Ignacio Muñoz destacaba que “é un campionato moi tenso porque hai unha rivalidade terrible entre moitos clubs, como se fora un Atlético de Madrid-Real Madrid. Esperamos que esa rivalidade sexa controlada e que o público a reciba con agrado”.

Pola súa banda, o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, agradecía que se volva a escoller Chantada para esta celebración: “Agradezo os anos que leva Iñaki traballando polo karate en Chantada, de non ser por el non teriamos celebrado estes campionatos en Chantada. Este ano ten máis mérito porque se marcharades de Chantada descontentos non volveriades. Iso quere dicir que aquí tratamos ben a quen nos visita. Agradezo que vos acordedes de Chantada”.

Finalmente, a concelleira de Deportes, Belén Vázquez, remataba asegurando que a segunda quicena de febreiro estaría chea de emocións deportivas e de moita xente en Chantada, ao acoller a celebración deste sábado, 17 de febreiro, e o día 23 unha nova etapa do Gran Camiño.