Skip to main content
Monforte

Tomé asegura en Monforte que o PP ten “paralizado” o Porto Seco dende hai 10 anos

Por 5 Febreiro, 2024Febreiro 6th, 2024Sin comentarios

O secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, puxo en valor o investimento por máis de 7 millóns de euros que o Goberno de Pedro Sánchez está facendo en Monforte a través do Ministerio do Interior cos proxectos da nova Comisaría de Policía e de renovación do cuartel da garda civil. José Tomé, alcalde de Monforte de Lemos e presidente da Deputación, mantivo este domingo na cidade do Cabe un encontro polo 18-F co Ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, ao que agradeceu o esforzo inversor para sacar adiante dotacións tan importantes para a capital da Ribeira Sacra.

As obras da nova comisaría, que se situará nun edificio cedido polo Concello na avenida de Galicia, foron licitadas polo Ministerio do Interior e neste momento atópanse en fase de contratación por un orzamento de 4.695.000 euros. Con este proxecto, o Concello e o Goberno de España desbloquearon unha situación enquistada, pola que a Policía Nacional ocupaba instalacións do ano 1992 que presentaban actualmente numerosas deficiencias.

En canto á renovación do cuartel da garda civil, o Ministerio vén de adxudicar as obras e este mesmo luns terá lugar unha reunión entre a empresa adxudicataria e a Garda Civil na comandancia de Lugo para falar sobre o inicio da obra. O investimento supera os 2,4 millóns de euros, e as actuacións consisten na mellora da eficiencia enerxética e a renovación das instalacións.

Chama a mobilizar o voto

O secretario Xeral do PSdeG na provincia destacou estes proxectos como exemplo do “compromiso e da capacidade de xestión que sempre demostramos os socialistas cando gobernamos”, e chamou a mobilizar o voto nas eleccións autonómicas para que “poidamos trasladar tamén á Xunta de Galicia con Besteiro todo este impulso en infraestruturas e servizos, acabando con 15 anos de inacción e incompetencia, durante os que o Partido Popular, primeiro con Feijóo e logo con Rueda, nos tivo completamente abandonados”.

Nestes sentido, José Tomé lembrou que o PP ten “incompleto e paralizado” o Porto Seco dende hai 10 anos; nunca contemplou o desdobramento integral do corredor ata Monforte; e precarizou a Atención Primaria na cidade ata o punto de que “hoxe temos menos da metade dos médicos de familia que deberíamos ter”. Un abandono que Besteiro superará, destacou, “dándolle a Monforte e a toda a provincia o protagonismo inversor que necesitamos para avanzar, para mellorar a calidade de vida da xente, dinamizar a economía e crear emprego, aproveitando todos os recursos e potencial que temos”.

Tras a reunión en Monforte, na que participaron concelleiros e concelleiras socialistas, o secretario xeral do PSdeG na provincia estivo co Ministro do Interior en Lugo xunto coa alcaldesa, Paula Alvarellos, nun encontro con representantes do Colexio de Avogados, e en Vilalba, coa rexedora, Marta Rouco, con veciños e veciñas da capital chairega.