Skip to main content
Monforte

Case 70.000 persoas utilizaron o autobús urbano de Monforte en 2023

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, vén de dar a coñecer os datos correspondentes ao número de pasaxeiros que utilizaron o autobús urbano de Monforte no pasado ano 2023, que alcanzou os 68.657 usuarios.

O dato é certamente relevante porque “a media mensual neste 2023 supera ás 5.700 persoas ao mes, polo que podemos dicir que estamos ante un ano histórico no que superamos a cifra de 68.000 viaxeiros”, destaca o rexedor.

Do mesmo xeito, o rexedor monfortino subliñou que “o novo bus urbano gratuíto de Monforte transportou, en 2023, 15.972 usuarios máis que en 2021 (52.685 usuarios, un 30,31 % máis); e 4.833 usuarios máis que en 2022 (63.824 usuarios, un 7,50 % máis), o que significa todo un éxito para este servizo de trasporte público municipal dende que comezou a funcionar cun novo vehículo e de xeito gratuíto en febreiro de 2020”.

Cabe recordar que, no ano 2020 en que o servizo comezou o seu funcionamento, concretamente o 1 de febreiro, alcanzáronse os 34.655 usuarios, e tendo en conta que en 2020 o servizo do bus urbano estivo suspendido entre o 14 de marzo e o 10 de maio, tras o estado de alarma decretado polo Goberno a raíz da crise do COVID-19. Tras a incidencia da Covid-19, o incremento no número de viaxeiros creceu exponencialmente ano a ano.

Posta en valor do servizo do autobús urbano

“Dende o Concello estamos moi satisfeitos por estes datos e pola positiva valoración que os veciños de Monforte fan deste servizo, que se traduce nun incremento de uso moi significativo se o comparamos con anos anteriores á posta en marcha da gratuidade do servizo, pois en 2019 foron 14.422 os usuarios, e un incremento progresivo, desde que entrou en funcionamento en 2020. De 2019 a 2023, incrementamos os usuarios en 54.235, un 376% máis”.

O rexedor monfortino destaca que “a tenor destes datos, dende o inicio da posta en funcionamento do novo Bus Urbano, este tivo unha excelente acollida por parte dos cidadáns, alcanzando cifras moi elevadas de uso. Por iso, dende o Equipo de Goberno do Concello estamos moi satisfeitos coa valoración que fan do servizo os monfortinos e monfortinas que se traduce nun incremento de uso moi significativo se o comparamos con anos anteriores. Podemos asegurar que o bus urbano de Monforte conta cunha alta aceptación social que sereflexa no incremento de viaxeiros ano a ano, o que demostra o acertado e o éxito desta medida”.

Neste senso, o Alcalde subliñou que “dende a posta en marcha do servizo, o novo bus urbano monfortino suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia e tamén de numerosos medios de comunicación, non só da provincia, senón tamén do resto da Comunidade Autónoma e incluso do panorama nacional, medios que se achegaron ata Monforte para facer reportaxes e directos dende o propio bus. Isto permítenos afirmar que Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.

“Os excelentes datos de usuarios que vimos de comunicar hoxe permítennos afirmar que este novo autobús de transporte municipal público e gratuíto está a cumprir co fin social para o que foi ideado. Para o equipo de Goberno de Monforte, o fomento do transporte público forma parte esencial das políticas sociais do Goberno municipal”, concluíu.