Skip to main content
Monforte

O Hospital comarcal de Monforte contará cun novo laboratorio de microbioloxía e unha área de cardioloxía

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, publicou na plataforma de contratos a licitación dunha nova obra no hospital comarcal de Monforte de Lemos, que consiste na implantación dun novo laboratorio de microbioloxía e dunha nova área de cardioloxía na planta baixa do hospital.

As empresas que opten a esta adxudicación terán de prazo ata o día 6 de marzo para presentar a súa oferta e aquela que resulte adxudicataria do contrato terá un prazo de execución de seis meses, desde a sinatura do mesmo, para realizar a obra.

A actuación afecta a unha superficie construída de máis de 600 metros cadrados e desenvolverase nos espazos contiguos aos do novo laboratorio de análises clínicas e de bioquímica que entrou en funcionamento hai un ano, nunha área ocupada anteriormente polo bloque cirúrxico. Así, o novo laboratorio de microbioloxía estará conectado co outro laboratorio posto en marcha hai un ano e compartirá áreas de aseos e de sala de traballo.

Constará cun espazo diáfano para laboratorio conectado a través dunha esclusa de acceso con tres salas illadas con control de presión. Ademais, incluirá dous espazos de microscopio, almacéns, neveiras, cámara frigorífica ou despacho para a persoa responsable da unidade.

Pola súa banda, a nova área de cardioloxía terá unha área de espera con aseo adaptado, dúas consultas con iluminación e ventilación natural, unha sala de marcapasos, unha sala de probas de esforzo e unha sala para a realización de ecografías. Ao tempo, as obras inclúen a instalación dos correspondentes equipos de climatización no andar semisoto do hospital.

O proxecto arquitectónico contempla criterios de sostibilidade para lograr a maior eficiencia enerxética así como de uso de materiais xa existentes no actual edificio, particularmente os empregados nas recentes instalacións de hospital de día e farmacia, para conseguir a maior uniformidade posible na imaxe do hospital.