Skip to main content
Monforte

O Executivo monfortino dá conta das boas cifras con respecto ao turismo no municipio

Por 25 Febreiro, 2024Febreiro 26th, 2024Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de facer balance dos datos obtidos nas dependencias turísticas xestionadas polo Concello, en canto a número de visitantes rexistrados nos últimos anos tanto na Oficina de Turismo como na Oficina de Atención ao Peregrino, así como a Torre da Homenaxe de San Vicente.

Estas dependencias turísticas alcanzan en 2023 os mellores datos dos últimos anos en canto a persoas atendidas: “Tras o boom turístico que se viviu no ano 2021, unha vez que pasou o Coronavirus, que provocou un repunte espectacular, dici que nos anos 2022 e 2023, xa estabilizada a situación do turismo, as cifras son as mellores dos útimos anos, sobre todo, en comparación cos anos anteriores á pandemia”.

Máis de 18.000 persoas atendidas en 2023 na Oficina municipal de Turismo de Monforte

“A espectacular cifra do ano 2021, débese ao boom que viviu o turismo tras a remisión da incidencia da pandemia do Coronavirus, o cal provocou un repunte do turismo a todos os niveis nese ano 2021. Nos anos 2022 e 2023 estabilízanse as cifras, e tras o ano 2021, son as mellores cifras dos últimos anos, e isto é o verdadeiramente salientable”, defende Tomé.

Porcentualmente, en 2023 atendeuse a un 7,47 % máis de visitantes que en 2022 e en 2023 son atendidos un 20,72 % máis que en 2019 (3.158 persoas máis), o un 23,86 % máis que en 2018 (+ 3.544).

En 2022, a afluencia presencial á Oficina de Turismo do Concello de Monforte por meses foi de 1.292 persoas en xuño, 2.673 en xullo, 4.877 en agosto, 2.347 en setembro e 1.457 en outubro. É dicir, no período de xuño a outubro foron un total de 12.646 os turistas atendidos en 2022.

Finalmente, en 2023 alcanzáronse as 13.899 persoas atendidas nestes 4 meses: 1.167 persoas en xuño, 3.035 en xullo, 5.466 en agosto, 2.636 en setembro e 1.595 en outubro.

“Polo tanto, podemos afirmar que o período xuño-outubro de 2023 é un dos mellores datos de afluencia da historia da Oficina de Turismo de Monforte. Con respecto a 2022, supón 1.253 persoas máis atendidas en 2023, un 10% máis. Creo que son uns excelentes resultados turísticos do pasado ano 2023, especialmente os dos meses de xullo (3.035 persoas) e agosto (5.466), o que significa que a xente apostou polo turismo de interior, apostou polo turismo de calidade da Ribeira Sacra, e participaron en eventos tan importantes para nós como son o Festival do Viño, o Verán Cultural ou as Festas Patronais”.

En canto a procedencias, Madrid é a comunidade que máis turistas aportou en todos os meses seguida de Asturias, Pais Vasco, Cataluña, e Galicia. Respecto ó turismo internacional, Francia ocupa o primeiro posto en canto a visitantes, seguidos de Alemaña, Reino Unido e Holanda.

A Oficina de Atención ao Peregrino de Monforte alcanza porcentaxes históricos de visitas

Esta Oficina do Peregrino abriu as súas portas o mes de setembro de 2021 e antes da súa apertura, os peregrinos e persoas interesadas no Camiño de Inverno eran atendidos na Oficina de Turismo.

Neste caso, houbo un aumento na Oficina do Peregrino no ano 2023 con respecto ao 2022, pois foron atendidas 1.295 persoas máis, un 157 % máis. Con respecto a 2021, foron atendidas 348 persoas máis, un 20 % máis.

A Oficina do Peregrino rexistra tanto a atención aos peregrinos que acoden a selar a súa Compostela ou a pedir información, como a atención a persoas interesadas en coñecer o Camiño de Inverno. “Cada vez a Oficina do Peregrino detecta máis persoas que recorren o Camiño de Inverno como ruta de peregrinación a Santiago”, destaca o rexedor.

En 2023, desas 2.120 persoas atendidas, 821 foron especificamente peregrinos e 1.299 xente solicitando información sobre o Camiño de Inverno. En ambos casos, a aceptación e a valoración da Oficia do Peregrino é moi destacable.

En canto ás procedencias, a nivel nacional destacan Asturias, País Vasco, Burgos e Cataluña. A nivel internacional, son Italia, Francia e Australia os principais países de procedencia. Finalmente, os meses de maior afluencia de peregrinos en 2023 foron outubro (124), maio (121), setembro (118), agosto (100) e xullo (96).

Torre da Homenaxe de San Vicente

Polo que respecta á Torre da Homenaxe de San Vicente, os datos tamén son moi significativos: 16.576 persoas visitaron a Torre en 2023, fronte ás 13.429 persoas de 2022. É dicir, 3.147 persoas máis, que supón un 23,43 % máis.

Respecto ás procedencias, principalmente as Comunidades emisoras son Madrid, País Vasco, Asturias, Galicia e Valencia. En canto a turismo internacional, Reino Unido, Francia, Bélxica, Holanda e Portugal, son os países que máis visitantes aportaron.

Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra están de moda

Tras valorar estes datos, proporcionados pola empresa xestora da Oficina de Turismo do Concello e da Oficina de atención ao Peregrino, Tomé salientou “que podemos afirmar sque estamos ante uns excelentes datos en canto a número de usuarios dos nosos servizos turísticos, e que confirman a recuperación do sector tras a incidencia da Covid- 19.  Estes datos demostran que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra están de moda, e se constitúen coma un dos principais destinos turísticos do interior de Galicia, grazas á promoción permanente e con eventos que realiza o Concello, tanto a nivel galego como estatal”.

Neste senso, José Tomé Roca recordou que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados de Galicia, “o que da boa mostra do noso potencial e do actual incremento da afluencia turística que estamos tendo nos últimos anos. Proba diso, é que a Ribeira Sacra ocupa o primeiro posto no ranking dos 10 lugares únicos en Galicia”.

O rexedor monfortino subliñou que o “enorme potencial cultural, gastronómico, patrimonial e turístico de Monforte de Lemos e da Ribeira Sacra, están a obter excelentes cifras de afluencia turística como as que acabamos de salientar, que son froito dun traballo intenso e ben feito dende hai anos por este Equipo de Goberno. Por iso, a aposta que estamos facemos polo turismo é e seguirémolo facendo con firmeza, porque sabemos que é unha folla de ruta axeitada, porque somos conscientes de que é un motor económico, de desenvolvemento e de promoción fundamental para o noso Concello”.

Finalmente, o alcalde manifestou que “estou seguro de que neste ano 2024, se esta tendencia á alza se mantén, volveremos a alcanzar cifras históricas, nas que os nosos grandes eventos como o Entroido, a Feira Medieval, o Festival do Viño ou as nosas Festas Patronais e o Programa de Verán, entre outros eventos, contribuirán decisivamente a captar visitantes e turistas para Monforte”.