Skip to main content
Abadín

A Xunta pon en valor a iniciativa no rural de empresas como Innogando

Por 13 Febreiro, 2024Sin comentarios

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou a empresa Innogando, situada no concello de Abadín, e cofundada por Elio López García, gañador dos premios Talento Mozo 2023 na categoría de Medio Rural. Durante a visita lembrou que esta iniciativa da Consellería de Política Social e Xuventude fomenta e valora o emprendemento da xuventude en distintas categorías.

A directora xeral lembrou que este mozo, natural de Cospeito, cofundou no ano 2020 a empresa Innogando xunto ao seu veciño Daniel Pardo Rus. Unha empresa coa que ten conseguido diversos recoñecementos. Trátase dunha firma que se dedica a proporcionar tecnoloxía para mellorar a calidade de vida dos gandeiros e dar unha maior rendibilidade ás granxas, ao tempo que se garante e promove o benestar animal.

Os premios Talento Mozo buscan dar visibilidade ao enxeño e capacidade de xente nova entre os 18 e 35 anos de idade cunha traxectoria relevante nas modalidades de Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e Creación. Cada un dos gañadores recibe unha gratificación económica de 5.000 euros, ademais dunha distinción honorífica e un diploma acreditativo. Os premiados nas dúas primeiras edicións de Talento Mozo Galicia pódense consultar na páxina web de Xuventude.