Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Escolares de Galicia homenaxean a Rosalía este sábado na casa museo de Manuel María

Por 28 Febreiro, 2024Sin comentarios

Escolares de distintos puntos de Galiza homenaxean a Rosalía de Castro, este sábado, 2 de marzo, na Casa-Museo Manuel María. E farano recitando a súa obra poética e a de Manuel María no Concurso escolar de recitado Rosalía sempre viva, que este ano fai a súa oitava edición.

O certame congrega alumnado de ensino non universitario galego, desde primeiro de Primaria até segundo de Bacharelato e ten por obxectivo potenciar a expresión oral e a creatividade dos participantes a través do coñecemento e o recitado da poesía en galego de Rosalía de Castro e da ampla obra poética de Manuel María. A presente edición xa celebrou unha fase previa nos distintos centros educativos que participan de Lugo, Castro de Ribeiras de Lea, Vilalba, Foz, Monterroso, Melide, Arzúa, Xanceda, Ponteareas, Ortigueira, Riós, Fene, A Coruña, Trazo, Nigrán, Vilagarcía e Redondela.

A xornada deste sábado estrutúrase en quendas de mañá e de tarde, dado o número de participantes finalistas. Durante a mañá recitarán as categorías 1ª e 2ª, correspondentes ao estudantado de primaria, e durante a tarde a 3ª e 4ª categoría, que se corresponden con alumnado de secundaria, bacharelato e ciclos formativos. Os recitados da mañá darán comezo ás 11.30 e os da tarde ás 16.30. Os catro mellores recitados, un por cada categoría, recibirán como premio un agasallo consistente en material informático. No decorrer da xornada, nos momentos de deliberación do xurado, organizaranse percursos guiados polo interior da Casa-Museo Manuel María para os participantes, así como para o profesorado e familias que os acompañen.

Este actividade conta coa colaboración de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.