Skip to main content
Rábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

A femia de morcego máis grande atopado en Galicia foi rexistrado nas Insuas do Miño

Por 24 Febreiro, 2024Sin comentarios

O achado tivo lugar nunha visita dun grupo de escolares de 5º de Primaria do colexio Andaina da Coruña, que visitaron as Insuas do Miño para coñecer e participar no proxecto.

Vénse de rexistrar nas Insuas do Miño o morcego máis grande atopado en Galicia. Trátase dunha femia de nóctulo grande (Nyctalus lasiopterus), unha especie migradora que posúe o récord de distancia de migración para un morcego en Europa.

O achado tivo lugar nunha visita dun grupo de escolares de 5º de Primaria do colexio Andaina da Coruña, que visitaron as Insuas do Miño para coñecer e participar no proxecto de Morcegos de Galicia e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, que se desenvolve na rede de caixas refuxio instaladas nesta contorna dende o 2008.

O nóctulo grande é a especie europea de morcego de maior tamaño. É migradora, especialmente as femias, que poden viaxar ata varios miles de quilómetros entre os lugares de cría e de invernada. De feito, hai poucas semanas publicouse o récord de distancia percorrida por un morcego en Europa, que corresponde, xustamente, a un exemplar de nóctulo grande, que percorreu 2.515 quilómetros en liña recta desde Rusia ata o norte de Italia.

Trátase ademais da única especie europea que inclúe vertebrados na súa dieta, xa que se alimenta parcialmente de pequenas aves que voan na noite durante a migración.

Na revisión realizada por Morcegos de Galicia e o colexio Andaina atopouse un pequeno grupo, composto por un macho e dúas femias, nunha caixa refuxio. O final do verán e o outono é a época de apareamento nos morcegos, e nesta especie o habitual é que un macho defenda un refuxio ao que trata de atraer ás femias, polo que se forman estes pequenos grupos.

Para saber o tamaño dun morcego utilízase como medida de referencia a do seu antebrazo. Para unha das femias atopadas rexistrouse una medida de antebrazo de 69,5 mm, a maior rexistrada ata o momento en Galicia.

A participación do colexio Andaina é parte dun proxecto de ciencia cidadá co que a Asociación Galega de Custodia do Territorio, neste caso en colaboración con Morcegos de Galicia, trata de facer partícipe á cidadanía galega dos traballos de investigación que se desenvolven nas Insuas do Miño, no marco do acordo de custodia que esta entidade mantén coa Deputación de Lugo, propietaria dos terreos.

Descoñécese de onde veñen nin a onde van as femias de nóctulo grande que pasan no outono polas Insuas do Miño, onde si viven machos residentes todo o ano, un aspecto de interese para futuras investigacións.