Skip to main content
BarreirosCultura AMARIÑAXA

A oposición fala: Barreiros

Por 9 Marzo, 2024Marzo 10th, 2024Sin comentarios
Por Ana Somoza López.

Gómez Puente segue a dar continuidade ao traballo levado a cabo en Barreiros polo ex alcalde do Partido Popular, Fuente Parga.

José Manuel Gómez Puente entrou como voceiro do Partido Popular no ano 2021 trala renuncia do ex alcalde e voceiro, Alfonso Fuente Parga.
O voceiro popular naceu en Cospeito pero reside en Barreiros desde 1996, ano no que foi destinado profesionalmente a este municipio.

Nas pasadas eleccións de maio 2023 a veciñanza de Barreiros votou practicamente igual que nos comicios anteriores, e o Partido Popular gañou os comicios con 906 votos non suficientes para gobernar, polo que os nacionalistas do BNG tiveron que volver facer un pacto de Goberno co PSOE de Carmen Veiga.
Gómez Puente comezou no mundo da política alá polo ano 2003 despois de que un amigo seu lle propuxera que se unira ao Partido Popular de Barreiros, “esa amizade fíxome que formase parte do PP de Barreiros, e nunca lle pedín para ir nas listas, fun para achegar e axudar aos veciños”.

Así mesmo, di que sempre foi unha “persoa que empaticei co Partido Popular, admirador de Manuel Fraga, xa foi unha persoa moi ben preparada, culta, traballadora e de profundas conviccións humanas onde a integridade estivo fóra de toda dubida”.

“Procuramos estar preto da veciñanza compartindo con eles momentos bos e momentos malos, así como para axudar e para dar, e non para pedirlles nada a cambio”

O seu partido estivo no Goberno hai relativamente poucos anos e de volver a el cre que achegaría “amabilidade, trato humano, próximo e igualitario independentemente da súa ideoloxía”, e engade que “sobre todo cando os veciños visiten o concello para falar dous seus problemas, hai que escoitalos”.
Tamén engade que sería “moi esixente cos propietarios de leiras urbanas que incumpren a normativa da lei de prevención de incendios”, e “coas administracións para que axuden en infraestruturas vitais para Barreiros”. Así mesmo di que tería un trato “exquisito nos descansos semanais dun servizo tan importante como é o servizo do fogar”.

Para Gómez Puente o importante é poñer no centro aos veciños e veciñas de Barreiros con tres piares fundamentais, as persoas, o medioambiente e o turismo. Por iso explica que faría un centro de día para a veciñanza maior do municipio, crearía a depuradora de San Miguel-Reinante, tan necesaria para o municipio, e dotaría de máis socorristas e persoal de limpeza en todas as praias.

Para el o papel da oposición é ”facer achegas construtivas e sobre todo dar voz á veciñanza das súas queixas e problemas”. E dende este posto, a oposición, sinala que axuda á vila de varias maneiras. Primeiro, “os integrantes do Partido Popular procuran estar preto da veciñanza compartindo con eles momentos bos e momentos malos, para axudar e para dar, e non para pedirlles nada a cambio”. Como indica, colaboran desinteresadamente con organizacións e grupos, e que “sempre estaremos ao lado e seremos a voz de persoas e colectivos que se sintan abandonados e ignorados”. Por outra banda, di que “este ano comprometerémonos na limpeza de espazos públicos”.

A nivel persoal, sinala que non hai sacrificios ao formar parte da oposición e que persoalmente síntese honrado de representar “a moitos veciños que depositaron a confianza no Partido Popular, fomos a forza máis votada e doulle as gracias a todos eles e para min non é ningún sacrificio representalos”.
O que si que ten claro e ten que agradecer é a súa muller, a súa filla e a seus pais “a súa compresión pois teño que compartir o tempo que dispoño coa a actividade política”.

En canto aos beneficios di que así séntese máis preto dos veciños, e que “empatizas e sofres con eles as molestias e deficiencias que atopamos no día a día do noso municipio”. “Facemos rogos, que son as queixas de moitos de veciños, e o equipo de Goberno toma nota pero as veces caen en saco roto, porque non se solucionan, e non é cuestión económica é cuestión de xestionar”.

Así mesmo explica que os representantes municipais do Partido Popular non teñen soldo, “só cobramos dietas por asistir aos plenos e ás comisións cando as convoca o equipo de Goberno”. Engade que as dietas son en calidade de asistencias e que se convoca un Pleno cada dous meses polo que “ao ano cobramos 300 euros que tributan como ingreso na declaración da renda”.

Sobre o equipo de Goberno actual e a súa relación con el, sinala que é totalmente normal e sobre o seu pacto de Goberno para conformar un Goberno estable explica que está a favor “dos pactos cando se gañan as eleccións e co único obxectivo de mellorar a vida dos veciños e non a cambio dun contrato laboral”.

“Sendo concelleiro síntome máis preto dos veciños e empatizo e sufro con eles as molestias e deficiencias no día a día do municipio”