Skip to main content
Burela

A Asociación Pesca Recreativa Burela cumpre un ano de vida

Por 16 Marzo, 2024Marzo 17th, 2024Sin comentarios

A Asociación de Pesca Recreativa de Burela vén de cumprir o seu primeiro ano de vida coa celebración da súa asemblea xeral e da que din que “afrontan este segundo ano coa mesma ilusión e optimismo que o primeiro día”.

Segundo a súa secretaria, Gloria González, “a síntese deste ano pasa pola peregrinaxe polos distinto despachos e oficinas, tanto de institución como organismos oficiais como Portos de Galicia, Garda Civil, etc. para facerlles ver a nosa posición fronte a unha burocracia ou normativa sen sentido que a día de hoxe seguimos sen entender”.

González sinala que eles tentan facerlles ver que “a pesca é unha actividade de lecer e incluso, en moitos casos, máis terapéutica que moitos tratamentos psicolóxicos e que se vén desenvolvemento ao longo dos anos, tanto nas ribeiras como nos portos de toda Galicia”.

“Non podemos entender a cantidade de trabas e impedimentos que se nos están a poñer ultimamente para poder levar a cabo a nosa actividade”, engade Gloria.

Así, desde a Asociación de Pesca Recreativa de Burela queren deixar claro que “non queremos loita con ninguén, pois o único que queremos é que nos deixen pescar como sempre se fixo”.

Esta asociación naceu en Burela da man de dúas mulleres tenaces e decididas:, Ana Argiz e Gloria González, que son parte da directiva xunto con Antón Valdés.

A idea de crear a asociación xurdiu para unir esforzos para e intentar conseguir zonas autorizadas para poder exercer a súa afección común, a pesca.