Skip to main content
Burela

Burela organiza dúas Xeorutas e visitas ao barco-museo Reina del Carmen durante a Semana Santa

Por 20 Marzo, 2024Sin comentarios

A Concellería de Turismo do Concello de Burela ten organizado diversas actividades para complementar a programación central da Semana Santa no municipio. Realizaranse dúas XeoRutas e varias visitas ao barco-museo “Reina del Carmen”.

“Por unha banda, para seguir promovendo as XeoRutas, que tanto éxito tiveron anteriormente, vaise facer unha nova XeoRuta o xoves 28 de marzo pola zona do Perdouro, de 10.30 a 13.30, e outra pola zona da Marosa o sábado 30 de 16.30 a 19.30”, explica o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey.

A ruta do Perdouro percorrerá 3,2km “polo conxunto de pregues mellor conservado de Galicia, camiñando baixo arcos rochosos”. O da Marosa será de 7,8km con dificultade baixa, e permitirá descubrir a orixe dos granitos e das “formas tan caprichosas que se atopan nesta parte da costa de Burela”.

Para participar nas rutas é necesario apuntarse previamente na Oficina de Turismo ou a través do blog de Rutas Xeolóxicas de Galicia, co enderezo rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.es

O barco-museo vai estar aberto o xoves, o venres e o sábado de Semana Santa. Haberá visitas ás 11:00, ás 12:00 e á 13:00 polas mañás, e, pola tarde, ás 17:00 e ás 18.00.

Ademais, a Oficina de Turismo vai estar aberta tamén todos os festivos de Semana Santa agás o domingo. O horario será de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 19.00, co obxectivo de atender a toda a xente que veña de visita, xa que “as expectativas son moi boas”, sinala Fernández Rey.

“Estamos traballando así mesmo no acondicionamento tanto de praias como de paseos, con actuacións de limpeza e mantemento destas zonas para dar a mellor imaxe de Burela posible ás persoas que visitarán o municipio”, explica o concelleiro.

“En definitiva, queremos ter a vila o mellor posible para que a xente que nos visita agora volva visitarnos tamén no verán, ofrecendo o mellor entorno posible para as actividades centrais da Semana Santa como as procesións”, engade.

“Queremos aproveitar a ocasión para promover os valores do noso municipio, especialmente relacionados co mundo do mar e a natureza, como é o caso do barco-museo e as xeorrutas”, sinala tamén Fernández Rey. “Agardamos que se repita o éxito de visitas en Semana Santa que tivemos o ano pasado, e que a situación meteorolóxica acompañe”, conclúe.