Skip to main content
Burela

Burela súmase á iniciativa global A Hora do Planeta apagando durante unha hora a iluminación do muro de Amarte

Por 22 Marzo, 2024Sin comentarios

O Concello de Burela sumarase este sábado, día 23 de marzo, á iniciativa global A Hora do Planeta, apagando durante unha hora a iluminación do muro de Amarte.

O apagado terá lugar á vez que o de miles de edificios e monumentos de todo o mundo, comezando ás 20.30 do horario da España peninsular. A nivel estatal son xa 391 os municipios que se teñen sumado á iniciativa, que o ano pasado logrou chegar a 500 municipalidades.

Burela foi unha das 100 primeiras de toda España en anunciar a súa adhesión á iniciativa este ano, razón pola cal foi premiada con varias camisetas conmemorativas. Ademais, é un dos 21 concellos galegos en fomar parte da mesma.

A concelleira de Cultura Medioambiental e Ecolóxica, Lina Gómez Pardo, anima á veciñanza “a participar tamén na reivindicación, apagando a luz das súas casas durante a mesma hora”.

A Hora do Planeta naceu en 2007, co obxectivo de concienciar a poboación sobre a situación de emerxencia climática que está a vivir o mundo. Ata 200 países participan cada ano, apagando incluso monumentos tan emblemáticos como o Coliseo ou a Torre Eiffel.

O total de monumentos que se apagan anualmente está en torno aos 17.000. Con este xesto sinxelo búscase contribuír a frear o cambio climático e a perda de biodiversidade no planeta.

Ademais de concellos e particulares, tamén se poden sumar á iniciativa empresas e organizacións. En España xa se teñen sumado 112 empresas e 77 organizacións ao apagado deste ano.