Skip to main content
BurelaDeportes AMARIÑAXA

O PP de Burela afea que o Concello teña paralizado o proxecto para a renovación do peche perimetral do campo da Marosa

Por 24 Marzo, 2024Sin comentarios

“A mala praxe á hora de xestionar o Concello leva ao goberno bipartito PSOE-BNG en Burela a renunciar a unha axuda de máis de 40.000 euros que xa lle tiña concedido a Xunta para a renovación do peche perimetral do campo de fútbol A Marosa”, afirman os populares. “Todo parece indicar que esta mellora queda pendente porque o proxecto está paralizado”, lamentan.

Esta é “unha mala noticia para os usuarios desta instalación deportiva, pero tamén para toda Burela porque denota a total incapacidade deste goberno por sacar adiante proxectos importantes para o noso Concello”, subliñan. Neste caso, os concelleiros populares cren que “o bipartito non presentou unha oferta atractiva e polo tanto non houbo empresas que se presentaran ao concurso para executar este proxecto”.

Dende o Grupo Municipal Popular inciden en que “lamentablemente este é o modo habitual de proceder dende o comezo do mandato da señora López Moreno: unha continua falta de previsión á hora de sacar os concursos públicos ou, incluso, nin sequera chegar a sacalos para executar os proxectos que prometeran en campaña electoral. E agora todos os veciños de Burela temos que seguir agardando polas actuacións que demandan os bureleses e que xa foran prometidas”.

O PP de Burela recoméndalle á alcaldesa e ao seu goberno “menos posados e escusas e máis traballo para poder sacar adiante proxectos necesarios para a nosa vila”.

AXUDA CONCEDIDA POLA XUNTA DE GALICIA

O Concello de Burela rexeita unha subvención de 40.165,30 euros que a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, lle tiña concedido para esta actuación ao abeiro da convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva dirixida a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable, para os anos 2023 e 2024.

“Mentres que a Xunta amosa vontade de colaboración co Concello e ofrece axudas para acometer melloras no noso municipio, a xestión do bipartito supón atrancos para o desenvolvemento de Burela e reléganos á cola da Mariña”, conclúen os populares.