Skip to main content
Burela

A casa da cultura de Burela acolle a exposición sobre a muller caboverdiana en España, Kuidadu na diaspora

Por 26 Marzo, 2024Marzo 27th, 2024Sin comentarios

O Concello de Burela inaugura, na Casa da Cultura, a exposición Kuidadu na diaspora/Coidados na diáspora. O acto será este mércores, día 27 de marzo, ás 18.00.

Trátase dunha autoetnografía fotográfica das mulleres caboverdianas en España, e estará dispoñible para a súa visita ata o día 26 de abril, no horario habitual das exposicións na Casa da Cultura.

Sandra Fernández, concelleira de Igualdade, destaca a importancia desta exposición, na que se retrata “o papel da muller caboverdiana na nosa comunidade”. “Convidamos a toda a veciñanza a que veñan ver esta etnografía fotográfica”, engade.

Por outra banda, Mario Pillado, concelleiro de Inmigración e Cooperación, sinala que para o Concello “é moi importante ter acceso a este contido e mostralo, posto que nos achega máis a todas como comunidade”.

“É impensable coñecer e entender Burela na actualidade sen coñecer a contribución da muller caboverdiana na nosa vila, xa que o papel desta comunidade é parte dos nosos sinais de identidade” afirma Pillado.

A mostra presenta os resultados dun traballo de investigación e creación artística financiado polo Instituto das Mulleres do Ministerio de Igualdade e dirixido por Keina Espiñeira, profesora de Socioloxía na Universidade da Coruña. Nel participaron investigadoras da tres Universidades do Sistema Universitario de Galicia, baixo o nome de Mulleres á Fronte.

A exposición reúne unha mostra dos álbums familiares e as fotografías tomadas por mulleres caboverdianas e descendentes residentes en dúas das comunidades de maior tradición migratoria desde o arquipélago: Burela, por unha banda, e mais Bembibre, en Castela e León.

As fotografías foron reunidas e postas en común mediante metodoloxías visuais que permitiron poñer en valor as narrativas das mulleres sobre a súa propia experiencia migratoria.

A través dunha serie de obradoiros de fotografía, as investigadoras que están detrás do proxecto embarcáronse nunha viaxe artística que culmina agora coa exposición colectiva e coa próxima creación dun arquivo dixital de imaxes das mulleres na diáspora.

Como parte do traballo de investigación que deu lugar á exposición convidouse ás mulleres participantes a capturar escenas da súa vida cotiá a través da fotografía e a explorar mediante a cámara as relacións entre os coidados e o traballo.