Skip to main content
Cervo

A XXXI edición da Festa do Ourizo de San Cibrao terá lugar o sábado 16 de marzo

Por 5 Marzo, 2024Sin comentarios

A XXXI edición da Festa do Ourizo terá lugar o sábado 16 de marzo, en San Cibrao. Para ese día están programadas diferentes actividades que terán ao equinodermo como protagonista.

A cita foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, pola tenente alcaldesa Mali Méndez, e por representantes da hostalería local e da asociación Mistura, que participan neste evento declarado de Interese Turístico Galego.

Como en anteriores edicións, tamén se celebrará un concurso gastronómico que está aberto aos locais da hostalería de San Cibrao que participan na festa: O Noso Lar, As Titas, O Faro, A Bodega de Ana, Maruxaina e Aquelarre. O concurso será mañá mércores, 6 de marzo, na Casa da Cultura. Os participantes deberán entregar as súas propostas –dúas como máximo- ás 13.00 horas. O xurado, composto polo membro da asociación provincial de Cociñeiros de Lugo, Bruno Pena, polo vicedirector do IES de Foz  Xosé Lois Ansemil e polo barista Iago Rivas,  decidirá cales son as tres tapas gañadoras. A entrega de premios será ás 13.30 horas na mesma Casa da Cultura.

O día da Festa está previsto un showcooking a cargo dos membros da asociación provincial de Cociñeiros de Lugo, Bruno Pena, Martín Mantilla e Juan Rubiños, que elaborarán diferentes tapas en vivo e en directo, que o público presente poderá degustar a continuación. Ademais a asociación Mistura tamén ofrecerá desde o mediodía unha degustación de ourizo cocido na mesma carpa.

O día da festa os locais participantes ofrecerán a tapa do concurso e outras moitas variedades aos visitantes durante toda a xornada. Haberá folletos informativos nos que se especifican algunhas das tapas que se poderán probar, e que terán como denominador común o ourizo.

A xornada estará amenizada por diferentes agrupacións musicais, e xa pola tarde haberá pasarrúas da man de Louband Street Band e da charanga BB+.

Xa pola noite, desde as 23.00 horas a amenizará a velada a orquestra Funçao Públika na Praza dos Campos.

Desde o Concello de Cervo convidan a veciños e visitantes a participar  nas diferentes actividades programadas con motivo desta festa declarada de Interese Turístico Galego desde o 2008.