Skip to main content
Cervo

Cervo acollerá o día 30 de marzo a II Gran Festa das Xeracións

Por 19 Marzo, 2024Sin comentarios

O Concello de Cervo acollerá o próximo 30 de marzo a II Gran Festa das Xeracións, organizada polo club de trail local A Fume de Carozo coa colaboración do Concello de Cervo. A cita terá lugar na carpa instalada na Praza dos Campos, en San Cibrao.

Tal e como precisan desde a organización, esta Festa das Xeracións, que vai xa pola segunda edición, naceu como un complemento ás actividades deportivas que promoven desde este club de trail “como unha xornada de convivencia e de reencontros entre persoas da mesma xeración, que se irán acomodando en función da década de nacemento; e mesmo é un aportunidade para forxar novas amizades, porque o evento está aberto a toda a poboación da Mariña”, precisan.

Ese día está previsto un xantar organizado, como se dixo, por xeracións, en función do ano de nacemento das persoas inscritas. Haberá moita música, sorteos e moitas sorpresas durante a xornada.

As persoas interesadas poden mercar os seus tickets por un custe de 35 euros nos establecementos As Titas, O Noso Lar, O Faro, Aquelarre, A Bodega de Ana, todos eles en San Cipirán; e La Cívica (Xove), Vista Alegre (Burela) o El Muro (Viveiro).