Skip to main content
Trabada

O Concello de Trabada quere substituír a cuberta do pavillón municipal

Por 13 Marzo, 2024Sin comentarios

O Concello de Trabada quere substituír a cuberta do pavillón municipal e adquirir unha maquina fregadora-aspiradora para a limpeza da pista das instalacións.

“O pavillón viuse afectado polos fortes temporais deste inverno, polo que preparamos toda a documentación necesaria para optar a esta subvención e mellorar as instalacións”, explica Rubén García, alcalde de Trabada.

A subvención forma parte dunha convocatoria da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. O proxecto ascende a 87.453,72 euros e consiste na substitución da cuberta do pavillón e na renovación dos canlóns e baixantes.

O alcalde engade que “queremos continuar coas actuacións de mellora da envolvente térmica dos edificios e infraestruturas municipais, coma xa fixemos con varias das antigas escolas das parroquias, a Cámara Agraria, o pavillón polideportivo de Sante e a Casa Consistorial”.

O concello pretende adquirir tamén unha maquina fregadora-aspiradora para manter limpa e nas mellores condicións a pista do pavillón.

O pavillón municipal acolle actividades como as clases de ximnasia do alumnado do colexio, os campamentos de verán, e a ximnasia de mantemento para a veciñanza.

“Contamos ademais cun club de fútbol sala, o Club Trabada Futsal, co cal colaboramos e melloraría a súa práctica deportiva con esta máquina de limpeza”, remata Rubén García.