Skip to main content
Xove

Rematou a XXXV edición do Campionato Municipal de Bolos de Xove

Por 16 Marzo, 2024Marzo 17th, 2024Sin comentarios

Por Mario Eijo.

Rematou a XXXV edición do Campionato Municipal de Bolos de Xove na que ao remate da tirada celebrada no centro social de Vilachá e coas clasificacións feitas, pasouse á entrega de premios e trofeos, acto no que estiveron o alcalde Demetrio Salgueiro e a Concelleira de Deportes Cristina Iglesias.

No que respecta aos inscritos desta última tirada temos que dicir, tendo en conta a normativa do campionato, que non todo o mundo se puido apuntar; exclusivamente os que como mínimo houberan participado en 4 tiradas puideron participar nesta última, xa que as normas obrigan, en todas as categorías, a ter participado como mínimo en 5 tiradas para poder optar aos premios finais. Se ás catro tiradas realizadas como mínimo lle sumamos esta tirada final xa temos as 5 tiradas imprescindibles para optar aos premios e á clasificación final.

Na liga Sénior Masculina, Arturo Vigo, quen non entraba nas quinielas dos favoritos a gañar a edición deste ano debido aos problemas físicos que atravesou os últimos anos, volveu a recuperar sensacións de antano e gañou o que é o seu XVII Campionato absoluto, iso si, moi recuperado fisicamente con respecto aos últimos anos. Segundo foi Francisco Pérez, e terceiro Jordi Meitín, superando a Daniel López nesta última tirada. Daniel López tivo que consolarse, ademais do 4º posto final, coa mellor bolada de todo o campionato.

Dentro da liga Sénior Masculina temos un apartado dedicado aos xogadores maiores de 60 anos, a liga de Maiores, dado que os tres xogadores maiores da citada idade que conseguiran máis puntos durante a liga regular teñen dereito a tres premios. Estes foron José González Rodríguez, Arturo Rodríguez Álvarez e Ramón Franco Bermúdez.

Na liga Sénior Feminina, Julia rematou a tempada cunha vitoria,impoñente, xa que se foi aos 299 tantos, que para súa categoría é unha cifra espectacular. Nunha carreira deportiva paralela á de seu irmán, sumou o seu 5º título consecutivo, xa que ao deste ano hai que engadirlle os conseguidos nas temporadas 18-19, 19-20,  20-21 e 21-22.

No relativo á liga Sub 16, a vitoria foi finalmente de Jordi Cancelos, que consigue o seu primeiro entorchado na súa categoría, iso si, moi igualada coa súa irmá Naia, que fixo tamén unha temporada impoñente.