Skip to main content
Xove

O BNG de Xove presentou varias mocións no Pleno municipal sobre posibles melloras na piscina

Por 26 Marzo, 2024Sin comentarios

O BNG de Xove presentou varias mocións no pasado Pleno municipal sobre posibles melloras na piscina xa que é unha instalación que leva en activo case 37 anos.

“A piscina municipal de Xove, en funcionamento dende o ano 1988, destaca na comarca pola excelencia e variedade dos servizos proporcionados polos profesionais que alí traballan”, dixo Pilar Vázquez Sánchez, concelleira do Grupo Municipal do BNG, “polo que é necesario facer melloras nunha infraestrutura como esta”.

Así, Vázquez Sánchez instou ao Goberno local a analizar a renovación integral do chan exterior da piscina, a analizar se é necesaria a renovación de tacos de saída para competición e das ventas da instalación, así como, a conversión do vaso da piscina. Todas estas moción foron aprobadas por unha unanimidade.

Miguel X. García Rodríguez, concelleiro do Grupo Municipal do BNG, preguntou pola normativa que decide que pasos de peóns conteñen sinal acústica e cales non. Tamén citou que “son numerosos os veciños que nos trasladaron a problemática cos sensores dos semáforos que dan acceso á avenida de Deputación (chegada da Rigueira, chegada de Sumoas, chegada de Agramonte). Non sendo os sensores efectivos con bicicletas e motocicletas e polo tanto nulos”.

O rexedor, Demetrio Salgueiro, respondeu que son conscientes de que existe un problema coas motos e bicicletas que non se detectan, informando que contan con instalar un novo sensor antes de ter que levantar o pavimento, “xa que o problema xurdiu logo dunha mellora no pavimento na que o cable quedou máis soterrado e non capta os vehículos”. No relativo á sinal acústica dixo que “no seu momento o criterio para a instalación dos semáforos acústicos, foi a solicitude dun veciño da vila na que se definiron os semáforos que precisaban ditos elementos acústicos”.