Skip to main content
Deportes LUGOXAO Corgo

Adai promociona o billar feminino coa participación dunha vintena de xogadoras no campionato

Por 22 Marzo, 2024Sin comentarios

Entre as participantes da cita, que será o 20 e o 21 de abril, está confirmada a actual campioa Mayte Ropero, que pertence ao club organizador

O Club de Billar de Adai organiza no Corgo a terceira edición do Campionato Galego Feminino de Billar Bola 9 e Bola 10, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, confirmando así que se trata dun referente en Galicia na promoción do billar feminino. Celebrarase o 20 e 21 de abril na sede do club corgués, a antiga escola de Adai, e, dende a organización, destacan que contan coa participación dunha vintena de xogadoras de todo o país competirán durante a fin de semana polas primeiras prazas, que clasifican para os campionatos estatais, en cada unha das modalidades.

Entre as participantes está confirmada a actual campioa Mayte Ropero, que pertence ao club organizador. O Club Billar de Adai organiza por terceiro ano esta competición, dando pulo a unha traxectoria na que comezaron en 2021 co obxectivo de promover o interese e a afección feminina ao billar e facer da escola de Adai un punto de encontro para xogar, adestrar e tamén competir ao máximo nivel.

O deputado de Deportes Efrén Castro felicitou á directiva do club polo labor que veñen desenvolvendo a prol do deporte feminino, co engadido de amosar que “tamén desde o rural se poden organizar eventos de primeiro nivel”. Ademais destacou a importancia de contar na provincia de Lugo cun club de referencia e capaz de formar ás novas xeracións en deportes de precisión. Pola súa banda, dende a entidade animan á veciñanza “a achegarse o 20 e 21 de abril a Adai e descubrir este deporte”.