Skip to main content
Lugo

Un festival pola igualdade e unha carreira como homenaxe ás deportistas: así inaugura Lugo o programa para o 8M

Por 1 Marzo, 2024Sin comentarios

A música, o teatro, a maxia e o deporte protagonizan os actos celebrados, que arrancan o venres 8 coa entrega dos Premios Entre Mulleres ás científicas Esperanza Álvarez Rodríguez, Cintia Folgueira Cobos, Rosa Romero Franco é a historiadora Alba Díaz Geada.

Co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora, Lugo recoñecerá o labor de catro lucenses referentes no ámbito científico e investigador a través dos Premios Entre Mulleres. Este ano serán Rosa Romero Franco, directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría;  Esperanza Álvarez Rodríguez, Catedrática de Universidade do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola; Cintia Folgueira Cobos, membro do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC); e Alba Díaz Geada, profesora na Área de Antropoloxía Social da USC no Campus de Lugo.

Con este recoñecemento pretenden “homenaxear a traxectoria e o intenso traballo que desenvolven estas catro referentes nun ámbito, o científico, no que a contribución das mulleres ten sido fundamental ao longo da historia”, sinalou Alvarellos. A cerimonia terá lugar o propio 8M, ás 12.00 horas no salón de plenos do Concello, acto para o que se está deseñando una insignia cunha gran carga identitaria para que as galardoadas “teñan sempre presente que elas son un exemplo de que elas son Mulleres con forza, a nosa marca feminista propia”, anunciou a rexedora.

Alvarellos destacou a celebración do 8 de marzo como oportunidade para lembrar aos e ás lucenses “o camiño que aínda está por percorrer e permítenos dar visibilidade a todas aquelas mulleres que coa súa traxectoria contribúen a que se consoliden todos os avances logrados nos últimos anos”. Xunto coa entrega dos galardóns, inaugurase unha exposición itinerante baixo o título ‘De meniña a científica. Nin rosa nin azul, materia gris’, que visibiliza o camiño, non exento de dificultades, que as mulleres científicas deben percorrer para que o seu traballo sexa recoñecido e valorado na súa xusta medida. Poderase visitarse do 5 ao 10 de marzo, na praza Maior; do 11 ao 17 de marzo, en Augas Férreas; do 18 ao 24 de marzo, na praza da Milagrosa; e do 25 ao 31 de marzo, na do Castiñeiro.

Corre con Elas e Feminist Fest

A programación deseñada desde a Casa da Muller conta ademais cun considerable número de actividades culturais programadas en puntos estratéxicos da cidade a través das cales se pretende concienciar da importancia de educar e convivir en igualdade. Do mesmo xeito que a cultura, o deporte, é outra gran arma para avanzar na igualdade, polo que organizan a carreira Corre con Elas. Pola súa banda, Ana Abelleira destacou que se precisa seguir traballando co compromiso de construír unha sociedade igualitaria, “que garanta os dereitos de todas as persoas, así como a participación activa na vida local, para lograr a transformación social á que aspiramos”.

O sábado, 9 de marzo, a partir das 18.00 horas celébrase na Praza da Mosqueira o Feminist Fest coa participación do grupo de pandereteiras A Volta do Agro, grupo creado en Lugo no ano 1995 composto por mozos e mozas da provincia. Tamén actuarán os grupos Nebra, proxecto inspirado na música tradicional galega das cantareiras, en combinación con sons de electrónica, baixo eléctrico e percusión, e The Tetas’ Van, banda creada en 2011 co obxectivo de divertir transmitindo e reivindicando o feminismo; así como de Yaya DJ, artista que mestura temas de onte e de hoxe.

Teatro e maxia para a igualdade

Por outra banda, tamén haberá actuacións de teatro e maxia para a igualdade, dirixidas ao público infantil e familiar, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. As sesións están programadas os martes de marzo a partir das 18.00 horas. A primeira, baixo o título Somos iguais na maxia celebrarase o día 5, no centro de convivencia Maruja Mallo da man de Elisa e Ian; a segunda Asdomare, interpretada por Vero Rilo e Sonsoles Penadique, será no auditorio do Vello Cárcere, o día 12; e, finalmente, o 19 de marzo o MIHL acollerá a sesión Cinema de historias da man de Alice Guy, a nai do cine, da artista Raquel Queizás. Así mesmo, o vindeiro sábado 9 de marzo, a partir das 16.00 horas, terá lugar no salón de actos da Deputación o XVI Encontro da Muller Xorda de Galicia, organizado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia e a Asociación lucense, coa colaboración do Concello.

Finalmente, o domingo 24 de marzo celebrarase o Corre con Elas, correspondente á terceira proba do circuíto Larsa Corre con Nós 2024, en homenaxe ás nenas, mozas e mulleres deportistas. Contará con catro categorías: minis, que sera a partir das 12.00 horas; sub 10/sub 12, que será ás 12.05 horas; sub 14/sub 16 que terá lugar ás 12:15 horas e sénior, a partir das 12.30 horas.