Skip to main content
Lugo

Luis Ramón Vázquez Parga deixa o Concello de Ferrol para exercer de interventor municipal en Lugo

Por 2 Marzo, 2024Sin comentarios

Nos próximos días farase efectiva a incorporación ao posto de interventor municipal de Luis Ramón Vázquez Parga, natural de Lugo, que exerce desde 2020 como viceinterventor de clase primeira no Concello de Ferrol. “É un pracer poder incorporar ao equipo de traballo municipal a unha persoa avalada cunha traxectoria profesional como a que presenta Luis Ramón Vázquez Parga”, asegurou Paula Alvarellos, a rexedora.

Vázquez Parga conta cunha dilata experiencia na administración local, antes de ocupar o seu posto no municipio ferrolán exerceu tamén como interventor nos concellos de Ribadeo, entre 2013 e 2020, e en Foz, entre o ano 2007 e 2013. As súas primeiras funcións como servidor público desenvolveunas en Cantabria onde traballou en Santillana de Mar e Santa María de Cayón.

O novo interventor municipal é licenciado en Administración e Dirección de empresas pola USC e posúe un máster en Auditoría Pública, pola Universidade de Castela A Mancha. É habilitado nacional desde o ano 2004 e no ano 2012 accedeu á escala de intervención-tesourería con categoría superior.