Skip to main content
Lugo

O novo Punto Violeta nas oficinas do SEPE en Lugo amplía a protección nos casos de violencia machista

Por 6 Marzo, 2024Sin comentarios

Inaugúrase o Punto Violeta na Dirección Provincial do SEPE en Lugo como medida de protección e seguridade para mulleres vítimas de violencias machistas. Esta iniciativa levarase ás 12 oficinas que hai na provincia co obxectivo de ampliar a rede de protección e seguridade desde as administracións públicas para as mulleres que o precisen.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, María Luisa Castro; e a Directora Provincial do Servizo Público de Emprego Estatal, Ana María García, participaron no acto co que se responde a un proceso de mellora progresiva incorporando aos entes públicos e creando unha rede de seguridade para as mulleres.

Así mesmo, estes puntos servirán para facilitar información e materiais sobre como actuar ante un caso de violencia machista a establecementos, entidades, empresas ou organismos públicos. Esta actuación constata o compromiso do Goberno central e do conxunto de administracións “cun problema estrutural que provoca desigualdades, discriminacións, agresións e asasinatos de mulleres no noso país, unha cuestión de estado para a que ofrecemos o máximo coñecemento e protección”, asegurou a subdelegada. Na actualidade, a provincia  conta con 698 mulleres inscritas na base de datos do sistema de VioXen.

Máis de 400 chamadas ao 016 no último ano

A subdelegada e a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación achegaron máis datos da provincia como que no ano 2023 realizáronse 446 chamadas ao 016, que na actualidade 39 mulleres son usuarias do servizo Atenpro e que hai 59 dispositivos Cometa en Lugo. Uns datos que evidencian a necesaria e importante intervención do Estado neste asunto.

No Punto Violeta que se habilitará nas oficinas provinciais do SEPE atoparanse algúns materiais como guías de información sobre o procedemento de actuación, recursos para as vítimas ou explicacións sobre a detección dos distintos tipos de violencias. A campaña de difusión e concienciación tamén conta con carteis e adhesivos cun código QR vinculado á Guía Punto Violeta.

Esta inauguración forma parte dos actos que se están levando a cabo dende a Delegación e Subdelegacións do Goberno en toda a comunidade, xunto con outras accións como a colocación da pancarta ou a xornada sobre o Marco xurídico aplicable ás mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero.