Skip to main content
Lugo

Orbazai organiza a súa primeira ruta cabalar este sábado

Por 29 Marzo, 2024Sin comentarios

Os amantes do mundo equino cítanse este sábado en Orzabai. Na parroquia lucense organízase a primeira ruta cabalar de San Miguel de Orbazai, que comprende un percorrido duns 20 quilómetros polos arredores do monte Segade cara Ombreiro e Friol.

Trátase dunha proposta, organizada polo grupo cabalar Orbazai, coa que pretenden poñer en valor a zona e que ten a expectativa de reunir entre uns 60 cabalos e arrincar a tempada. “Será unha ruta que discorrerá principalmente por pistas polo monte, intentaremos tocar o asfalta o menos posible”, explican desde a organización.

O programa comeza ás 9.00 horas cuns cafés de balde para todos os participantes, aínda que a saída do percorrido será a partir das 10.00. Os asistentes tamén poderán gozar de pinchos a media mañá e dunha sesión vermú a cargo do grupo Jaque que amenizará a xornada despois da ruta que finalizará sobre ás 13.30 horas.

O menú, a base de empanada, callos, codillo en salsa, lacón cocido, sobremesa e café, ten un prezo de 25 euros e de 10 para os menores de 12 anos. Á comida, na que contan cunhas 130 persoas, poderán anotarse todos os que así o desexen, aínda que non participen na ruta. A música continuará pola tarde de novo da man do grupo Jaque e tamén se organizarán sorteos. “Como hai bastante xente que vai vir e non ten cabalo nin está relacionada co mundo dos cabalos, porque pode vir quen queira, serán sorteos variados”, explican.