Skip to main content
Lugo

As artes escénicas iberoamericanas chegan a Lugo da man compañía colombiana Sin Mente Teatro

Por 28 Marzo, 2024Sin comentarios

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa edil de Cultura, Maite Ferreiro, anunciaron a ampliación da programación teatral do auditorio municipal Gustavo Freire cunha colaboración internacional. “Traemos a Lugo unha peza de teatro colombiano, unha pequena mostra do que se está a facer ao outro lado do charco, das novas linguaxes escénicas iberoamericanas”, afirmou Maite Ferreiro. Ao longo do ano iranse programando diversos espectáculos de diferentes países “que podan servir como unha fiestra para mirar outras culturas e linguaxes, outros xeitos de facer, intercambiar e aprender”.

A compañía colombiana Sin Mente Teatro traerá a Lugo o seu espectáculo Tomás. A representación terá lugar o 7 de abril no auditorio Gustavo Freire, e as entradas poden retirarse xa no portal entradaslugo.es. A historia versa sobre o sentimento de culpa, un verme que carcome a vida de “Ella”. Foi testemuña dun escuro episodio na infancia do seu amigo Tomás, converténdose no escudo que amortiguou os traumas. O seu silencio é unha condena que a fixo cómplice e o seu presente faise pesaroso polos recordos que a atormentan.

A través da linguaxe corporal, actoral, visual, musical e o manexo de marioneta, esta obra brinda ao espectador unha posta en escena cargada de imaxes e sensacións que transitan entre alegrías e penas. Sin MenteTeatro é unha compañía colombiana independente fundada en febreiro do 2015. Conta con oito obras de teatro das cales manteñen catro en repertorio. Sin Mente teatro percorreu os escenarios e festivais de Colombia, España, México, Chile e Cuba.

Dramaturxia propia

Foi acreedora de premios e recoñecementos a nivel local, nacional e internacional. A aposta do grupo é a realización de obras teatrais con dramaturxia propia e contido social dando voz a historias particulares a través de linguaxes escénicas de teatro contemporáneo que permitan un máximo goce e reflexión ao espectador aunado con proxectos pedagóxico artísticos para a comunidade.

Dúas das súas obras contan actualmente coa publicación dun libro na Editorial MUTIS (Barcelona). No ano 2018 o grupo realiza unha residencia de creación na cidade de Barcelona e no 2019 únese a esta creación o lucense Germán Frasio Montegimeno desempeñando labores de asistencia e de dirección. No 2020 radícase en Bogotá, Colombia e ao longo dos seus tres anos de residencia asume a dirección de tres pezas teatrais (unha da súa autoría) e tamén é actor noutra das obras de teatro do repertorio do grupo.