Skip to main content
ChantadaDeportes RIBEIRASACRAXA

Presentouse o I Circuíto Comarcal de Carreiras de Cros Escolar en Chantada

O Servizo Municipal de Deportes do Concello de Chantada organiza o I Circuíto Comarcal de Carreiras de Cros Escolar a través do programa de deporte infantil da Xunta de Galicia, Xogade.

O Circuíto desenvolverase nos Concellos de Carballedo (22 de marzo), Friol (5 de abril), O Saviñao (19 de abril), Taboada (12 de abril) e Chantada (4 de maio). A iniciativa parte do Concello de Chantada, pero cada Concello organiza o percorrido e a carreira do seu municipio.

A actividade presentouse en Chantada coa participación dos concelleiros de deportes dos concellos participantes, sendo, Belén Vázquez, concelleira de Deportes de Chantada, a anfitrioa.

“É unha primeira toma de contacto que esperamos sexa un éxito e sirva para motivar a nenas e nenos a que practiquen deporte. É un irmanamento entre concellos co que queremos fomentar o hábito de practicar deporte e fomentar a relación social entre rapazas e rapaces de concellos veciños”, destaca Belén Vázquez.

Das cinco carreiras que se disputarán, puntuarase en 4 delas e das mellores puntuacións sairán os gañadores do torneo.

As inscricións poden facerse a través da web do Concello de Chantada, nas escolas deportivas e cos profesores de ximnasia dos diferentes municipios participantes. Este I Circuíto Comarcal de Carreiras de Cros Escolar está destinado a nenos/as nados/as entre 2009 e 2016. A inscrición é totalmente gratuíta e inclúe transporte e seguro para a realización das distintas carreiras.