Skip to main content
Bóveda

A oposición fala: o PSOE e o BNG en Bóveda

Por 3 Marzo, 2024Marzo 4th, 2024Sin comentarios

Arranxar os problemas de malos cheiros que hai nalgunhas parroquias e a falta de médicos son as cuestións prioritarias para a socialista Carmen Macía, mentres que mellorar o servizo sanitario e fixar poboación forma parte do programa do BNG da man de Javier Castro

Por Lucía Blanco e Jessica Fernández.

O Concello de Bóveda está gobernado polo Partido Popular desde o ano 1999, cando José Manuel Arias López gañou as súas primeiras eleccións, e mantén a súa posición desde ese ano ata a actualidade. A oposición de Bóveda, formada polo BNG e o PSOE, conseguiu nos pasados comicios 2 e 1 concelleiros respectivamente.

Carmen Macía, portavoz do PSOE en Bóveda, iniciouse na política no ano 2007 da man do médico de Bóveda, “que me chamou para ver se quería ir na lista ás eleccións, e despois de pensar uns días dixen que si, xa que eu sempre estiven vinculada ao PSOE, aínda que nunca pensei en meterme en política, pero as cousas saen e aquí estou, defendendo os intereses de Bóveda”, defende.

No caso de Javier Castro, os últimos comicios marcaron o punto de partida da súa incursión na vida política. “O funcionamento do Concello e a forma de traballar do señor alcalde foron motivacións extra para min para tomar esa decisión. Nunca antes me implicara en política, pero chegou o momento que dis que se ninguén quere facer contrapunto ao funcionamento do Concello pois deixámolo gobernar en completa liberdade e sen ter en conta a todos os veciños”.

El aposta por unha política en positivo e por estar en contacto coa veciñanza. “O fundamental é preocuparse por solucionarlles os problemas. Penso que é moi importante, hai que ter empatía e estar con eles. A política non se fai dentro do Concello, a política faise nos pobos, e para iso hai que escoitar aos veciños porque moitas veces non se fai”.

Para Macía, formar parte da oposición dun Concello como o de Bóveda “é unha situación moi difícil e sobre todo cando es muller, porque che poñen dificultades por todo”, sostén. Así, di que o labor da oposición é “atender e axudar aos veciños e veciñas sen mirar a cor do partido político co que se identifican, indicarlles que poden facer, a onde se deben dirixir… É dicir, buscar e solucionar os seus problemas”. Porén, explica que “é un labor moi difícil porque ti ves os problemas e lévalos aos plenos e ves que pasan olimpicamente deses problemas, e á hora da verdade non se fai nada por eles”. Así, a socialista conclúe que “a oposición debe controlar a acción de Goberno e intentar que se fagan as cousas que se votan no pleno”.

Necesidades de Bóveda

Para os socialistas, as necesidades de Bóveda comezan por arranxar os problemas de malos cheiros que hai nalgunhas parroquias, que non teñen sumidoiros, e os veciños fan o que poden para eliminar os residuos dos baños. Así, di que o alcalde nun pleno contestoulle á portavoz socialista que denunciara aos veciños, ao que Macía respondeu que “hai que poñer solución a este tema, eu no meu programa levaba o tema dos sumidoiros”. Por outra parte, tamén comenta que hai zonas que non teñen auga da traída e no verán pasan pola seca. “Sénteste impotente porque queres solucionar problemas que se poden solucionar e se pos un pouco de empeño para solucionar, ese é o problema”.

Para Castro a cuestión sanitaria tamén é prioritaria. “No mes de decembro a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte presentou unha moción no Concello de Bóveda polos problemas que temos coa falta de médicos e o alcalde, que é quen decide se se leva a pleno ou non, decidiu non debatela”. Polo que urxen solucións para un servizo que ao tacha de “deficitario”. “Dicir que Bóveda está correctamente cuberta cun médico non é unha realidade, un médico ao que hai que darlle todo o agradecemento polo traballo que está facendo porque está atendendo o centro médico de Rubián, o de Bóveda, levando os domicilios e está botando unha man na residencia”.

Falta de médicos

Porén, o concelleiro demanda unha resposta por parte do rexedor: “Cando o noso médico ten un problema, un malestar ou calquera indisposición pois quedamos sen médico, iso non é unha solución. E o alcalde debía ser o primeiro en poñerse ao fronte destas queixas, cousa que lle custa facer”. Que se manteña unha cultura democrática no municipio tamén se atopa entre as inquedanzas do BNG en Bóveda. “É moi complicado que un goberno que leva 25 anos correctamente elixido polos veciños, se preocupe por levar a política á rúa. Que todos os veciños se percaten do que pasa no Concello para min xa é o primeiro”.

Fixar poboación completa o programa do seu partido. ”Temos un problema moi grande que é o descenso demográfico e non sei fai nada e cando se fai algo falta moito sentido común. Este verán, por exemplo, o alcalde fixo un comentario moi desafortunado dicindo que en Bóveda o nivel de turistas era moi elevado e iso non é verdade”. O voceiro sostén que ao municipio o que realmente veñen son retornados que, “aínda que moitos quererán estar en Barcelona ou en Madrid, moitos preferirían estar vivindo e non lle queda máis remedio que estar fóra porque no Concello non hai traballo”.

No caso de Carmen Macía, tamén cre que hai un problema coa falta de médicos, xa que “temos dous centros de saúde, un en Rubián e outro en Bóveda, pero non hai médicos suficientes e os que hai comparten tempo nos dous centros de saúde”. Ademais, Macía di que Bóveda necesita un centro de día, “xa que somos unha poboación envellecida que necesita ser atendida nun centro de día público onde se poidan acoller 30 persoas”. Por último, comenta que as estradas municipais “están en mal estado, hai camiños para enmarcar” e iso tamén impide que a xente “veña quedarse” e Macía defende que “necesitamos poboación”.

Obxectivos a nivel político

En canto ás relacións co equipo de Goberno, Castro lamenta que sexan case “nulas”. “Oxalá houbera máis interacción entre nós porque penso que así debe ser. Porque nós representamos a unha parte do pobo pero o alcalde representa a todos e debería escoitar a todos e penso que non é así”. Unha comunicación máis directa pasaría, segundo as súa postura, por apostar porque os plenos foran “públicos para todos os veciños”. En concellos pequenos coma o seu, deberían marcarse “a partir das sete da tarde para que todos puideran participar. Se os fas ás 12 da mañá, coma o que temos hoxe, o único que consegues é que os veciños non poidan vir e rómpeslle a xornada laboral aos concelleiros que non vivimos da política”.

Precisamente, o seu papel non resulta sinxelo, aínda que non o considera un sacrificio. “Non o é cando o fas como o estou facendo eu. Fágoo por vontade propia e suponche ter que cambiar cousas e dedicarlle o tempo que igual lle dedicabas a outros labores”. Neste sentido, Castro declárase fiel defensor de controlar os mandatos e de que a política non se converta nun medio de vida. “Hai poucas cousas nas que estea da acordo cos americanos, pero o modelo das dúas lexislaturas é algo que me parece moi bo, que a xente non se manteña no cargo tempo e tempo”.

Carmen Macía cre que os beneficios de formar parte da oposición é “estar aí para axudar aos veciños”, pero supón un problema ás veces compatibilizar este labor coa vida familiar, “xa que ti tes que pagar as cousas do teu peto porque o che dan por estar na oposición non chega, pero faise por amor á sociedade, á veciñanza”. A nivel político, di que o PSOE quere conseguir máis cousas para os veciños, e seguir tendo unha relación cordial con todos os veciños, xa que “é importante a convivencia”. Así, sostén que “podemos criticar como se fan algunhas cousas, para iso estamos na oposición, pero positivamente, non facer dano”. Con respecto ás seguintes eleccións municipais, explica que está a favor dos pactos de Goberno para poder “dar unha nova vida ao Concello de Bóveda”.