Skip to main content
Monforte

Restablecida a subministración de auga a Monforte logo de reparar a avaría

Por 2 Marzo, 2024Sin comentarios

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que vén de restablecerse totalmente a subministración de auga en Monforte, concretamente nas parroquias do Concello, logo de que Unión Fenosa-Naturgy arranxase a avaría que a caída dunha árbore provocou no tendido eléctrico que dá servizo á planta potabilizadora de Monforte.

A avaría, que tivo lugar o pasado día 26, provocou unha falta de abastecemento na subministración de auga, logo de que se producira o baleirado dos depósitos da potabilizadora, por mor de dita avaría.

A instalación dun xerador por parte de Naturgy, logo dos requerimentos levados a cabo tanto dende o Concello como dende a empresa Aqualia, permitiu o restablecemento do servizo na cidade, pero debido a extensa rede de tubaxes do Concello, que abrangue moitos quilómetros, non se puido restablecer inmediatamente o servizo, concretamente nos puntos máis altos dalgunhas parroquias.

Logo de rematar os traballos de reparación da liña eléctrica por parte de Unión Fenosa, a planta potabilizadora vén de recuperar o seu funcionamento normal, e as zonas das parroquias afectadas recuperaron xa na súa totalidade a subministración de auga.