Skip to main content
Monforte

‘Que din as rumorosas’ de Artyc Content será representada este xoves en Monforte

Por 6 Marzo, 2024Marzo 7th, 2024Sin comentarios

Dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Concello de Monforte programa para este xoves 7 de marzo ás 20.15 horas a posta en escena da obra para adultos Que din as rumorosas, da compañía Artyc Content.

A obra, dirixida por Paula Carballeira e composta e interpretada por Marian Rei, Helga Méndez, Eugenia Sanmartín, Cristina Mariño, Caterina Barro e Carmen Cotelo; enmárcase dentro do programa de actos do 8M Día Internacional da Muller, organizado pola Concellería de Muller e Igualdade e o CIM, en colaboración coa Concellería de Cultura.

A obra foi galardoada co IV Premio “Luisa Villalta” a proxectos pola Igualdade 2022 na Deputación da Coruña e a entrada xeral para esta obra, que terá lugar no Edificio Multiusos, é de 5 euros e de 3 para desempregados, xubilados e estudantes.

Trátase dunha comedia coral sobre como ser artista… e muller. Contra vento e marea, seis intérpretes do presente navegan con seis artistas galegas do pasado nun cruceiro atemporal no que destaparán os seus segredos máis íntimos, para rir delas mesmas e, sobre todo, da estrutura patriarcal do sistema artístico. Un cóctel de humor e amor, no que as seis intérpretes, súper polifacéticas todas, interpretan, cantan e bailan para falar da arte como camiño inevitable.

Un ano máis, aplicando as políticas de igualdade dun xeito transversal a Concellería de Cultura colabora coa Concellería de Muller e Igualdade incluíndo na súa programación obras teatrais con perspectiva de xénero.

A seguinte obra do ciclo de teatro programada polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, e tamén integrada dentro do programa de actos do 8M Día Internacional da Muller do Concello de Monforte, será Valente e rebelde, da compañía Trémola Teatro, que terá lugar o domingo 10 de marzo ás 18.00 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura, con entrada gratuíta e irá dirixida a público familiar.