Skip to main content
O SaviñaoParadela

A Deputación de Lugo investirá 350.000 euros nas estradas de Paradela e do Saviñao

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou un investimento de preto de 350.000 euros para a mellora de dúas estradas provinciais ao seu paso polos concellos de Paradela e do Saviñao.

En Paradela, acordouse licitar, por un importe superior aos 90.000 euros, as obras para acondicionar outro tramo da estrada LU-P-4202, que é a que vai a Aldosende por Santalla. En concreto, os traballos afectarán ao treito que vai do punto quilométrico 3,520 ao 5,000; terán un prazo de execución de 2 meses; e consistirán na apertura das cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a reposición da sinalización horizontal e vertical.

A Deputación xa investiu recentemente 96.800 euros na mellora doutro tramo desta mesma estrada, entre os puntos quilométricos 17,2 e 21,9.

No Saviñao, a Xunta de Goberno aprobou a licitación, por un importe de máis de 250.000 euros, das obras para acondicionar outro treito da estrada LU-P-3202, que comunica Monforte e Currelos. Uns traballos que se acometerán no treito que vai do punto quilométrico 11,067 ao 24,436.

Terán un prazo de execución de 4 meses e consistirán na apertura das cunetas, a reparación do firme e a repavimentación. Este proxecto súmase aos 600.000 euros que a institución provincial xa leva investido no acondicionamento desta estrada.

En concreto, traballou no conxunto da vía con tarefas de limpeza de cunetas, drenaxe e substitución da sinalización vertical; botou aglomerado en quente entre o quilómetro 0 e o 0,455 e do 0,770 ao 3,070; e acometeu a limpeza de cunetas e o estendido de aglomerado en quente no tramo que vai do quilómetro 6,9 ao 10,4.