Skip to main content
Abadín

O PSdeG de Abadín denuncia a falta de médicos no centro de saúde

Por 16 Marzo, 2024Sin comentarios

A agrupación do PSdeG en Abadín denuncia a falta de médicos que padecen no centro de saúde do municipio. A Xunta de Galicia non dotou de persoal o ambulatorio tras a xubilación de dous facultativos e como consecuencia, as citas médicas retrásanse ata dúas semanas. Moitos pacientes optan por desprazarse ata Vilalba, pero outros non teñen nin esa opción. O voceiro socialista no municipio,

Pablo Díaz, foi contundente ao reclamar “solucións urxentes” á Xunta. “É unha vergonza. Non todo o mundo ten a opción de desprazarse 20 quilómetros ata Vilalba para recibir atención médica. Aquí temos moitos veciños e veciñas maiores que non teñen esa posibilidade. Esta discriminación co rural non nos sorprende, porque levamos anos sufríndoa, pero non é tolerable. Están facendo desaparecer a sanidade pouco a pouco e xogando coa vida das persoas”, asegurou.

Pablo Díaz explicou que “dos tres médicos que había, xubilouse o primeiro e amortizaron a praza, quedando dous. Xubilouse o segundo, pero a médica que ten a praza colleu unha baixa hai moitos meses. Esa baixa cóbrese, aínda que non todos os días, cada día cun médico diferente e moitas veces vén só dúas horas ou non vén ningún”. Agora, a única médica titular coa que conta o centro de saúde de Abadín “está a punto de xubilarse e ten trazas de que non veña ninguén para o sitio, cando neste concellos somos 2.300 habitantes”.

Sinalou o socialista que é frecuente que chamen para anular ou cambiar citas, provocando así moitos trastornos. Os socialistas de Abadín levan anos batallando para mellorar a Atención Primaria no concello. No seu momento, presentaron ante a Consellería de Sanidade máis de 1.000 firmas para dotar de persoal este servizo. Tamén están a ter problemas en Abadín coas citas do servizo de pediatría. O voceiro socialista de Abadín explica que os nenos e nenas que empezan o colexio tiveron dificultades para facerse coa documentación médica que piden para matriculalos en Infantil.