Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXALugo

A roza biolóxica, unha alternativa económica e sustentable que o Campus Terra pon en marcha en Friol

Por 24 Marzo, 2024Marzo 25th, 2024Sin comentarios

A roza biolóxica antóllase como unha alternativa máis económica e, sobre todo, máis sustentable que os procedementos mecánicos, para controlar a vexetación naquelas áreas de monte polas que discorren liñas de tendido eléctrico. Así se desprende das primeiras estimacións do proxecto Pastando en REDe, unha iniciativa de carácter experimental que está a desenvolver en áreas dos concellos de Friol e Maceda o grupo de investigación en Sistemas Agroforestais e Agroecolóxicos, coordinado por Rosa Mosquera Losada, xunto con Red Eléctrica de España (Redeia), Unión Fenosa Distribución de Electricidade (UFD) e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

A catedrática da área de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC deu conta destes datos provisionais durante a xuntanza de traballo celebrada na sede universitaria, unha sesión na que se puxo de manifesto os múltiples beneficios medioambientais que depara o control da vexetación, tamén chamado roza biolóxica, do pastoreo en extensivo. Estas vantaxes tradúcense, segundo explicou Mosquera Losada, no aumento da biodiversidade nas zonas de pastoreo, na evolución das masas arbóreas, no enriquecemento dos solos e, entre outros, na fixación de carbono.

Ademais, engadiu a investigadora, o pastoreo é unha práctica efectiva para avanzar na prevención de lumes forestais e implica uns custes económicos sensiblemente inferiores aos gastos que supoñen os traballos mecanizados. A cuestión económica e o interese en reducir a elevada factura que supón para as compañías eléctricas as tarefas de preservación e conservación das liñas de tendido eléctrico e demais infraestruturas situadas nos montes constitúe un dos motivos que animou ás eléctricas a promover este convenio. As experiencias están a resultar efectivas, ao tempo que supoñen un pulo para o desenvolvemento rural sostible, subliña Mosquera.

Relevo xeracional

Esta investigadora sinalou asemade que, alén dos beneficios xa citados, o control biolóxico da biomasa con pastoreo extensivo facilita a cadea de valor das pequenas explotacións gandeiras e favorecer a remuda xeracional a través da visualización dunha nova forma de emprego tradicional con potencialidades para atraer e fixar poboación e que tamén axuda a evitar desigualdades entre o binomio campo-cidade.

Respecto das experiencias xa en marcha, a coordinadora  comentou que logo de seleccionar dúas parcelas nos concellos de Friol e de Maceda nos que se estaban a realizar labores de control de biomasa con medios mecánicos, os investigadores da USC delimitaron zonas lindeiras nas que soltaron cabras de carne e vacas de raza vienesa, respectivamente, a fin de avaliar e comparar así os efectos da zona mecanizada cos da roza biolóxica do gando en extensivo.

No caso da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Carballo, no municipio de Friol, os investigadores optaron por situar nesta parcela medio centenar de cabras de carne, unha carga gandeira que se antolla compatible co resto de actividades e producións postas xa en marcha no mesmo territorio polos veciños e que tamén redundan en beneficio da xestión do monte comunal e da veciñanza.