Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Friol estreou o documental que recolle os trinta anos da Feira do Queixo

Por 23 Marzo, 2024Sin comentarios

O programa da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá tivo un pequeno aperitivo na tarde de onte, venres, cun acto conmemorativo do 30 aniversario da Feira.

Este consistiu na proxección do documental Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá no centro sociocultural, a partir das 19.00 horas, previo á gran feira, que será este domingo.

“O noso agradecemento ás queixeiras e panaderías polo labor desempeñada nestes 30 anos e grazas a todas as persoas que dun xeito ou outro aportaron o seu gran de area para lograr unha feira cun prestixio recoñecido en toda Galicia e ata fóra dela”, dixo o alcalde.

RESTO DO PROGRAMA

O domingo a xornada dará comezo ás 9.30 co tradicional lanzamento de foguetes para asignar posteriormente os stands ás queixeiras e panaderías que participen.

Ás 11.00 horas será a apertura da Feira co simbólico corte de cinta. Durante toda a mañá haberá actuacións de pasarrúas e charangas polas rúas do  Concello a cargo de Xesta Verde de Friol.

Despois do grande éxito do ano pasado, este ano volverán organizar un obradoiro infantil de elaboración do queixo de Friol, aberto a tódolos pequenos do municipio para que coñezan a maneira de elaborar este produto, e inculcarlles o valor que supoñen estes produtos para o rural.

Ás 19.00 horas celébrase un concerto folk no salón de actos do centro sociocultural de Friol, que este ano corre a cargo de Comando Curuxás. Ás 22.30 horas comezará a romaría amenizada pola a orquestra Marbella. O remate oficial da feira será ás 1.30 horas.