Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

O PSOE de Outeiro de Rei obriga a publicar no BOP a ordenanza de soares

Por 2 Marzo, 2024Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista de Outeiro de Rei obrigou ao alcalde, o popular José Pardo Lombao, a publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a Ordenanza Reguladora do Rexistro Municipal de Soares, que o Concello levaba aplicando de forma irregular dende hai seis anos. Así o vén de comunicar a voceira do PSdeG, Carmen Acacio, quen subliñou que foron os socialistas os que alertaron de que a normativa non estaba recollida no BOP.

“Este é un exemplo máis da mala xestión e do caos municipal ao que nos ten sometidos este Goberno do PP. É intolerable que durante 6 anos o Concello esixa á cidadanía cumprir cun regulamento que non está en vigor porque non existe ao non estar publicado”, explicou Carmen Acacio.

A voceira socialista detallou que esta ordenanza foi aprobada, por unanimidade, no Pleno do 26 de abril de 2018; que comezou a aplicarse ese mesmo ano, pero que, como nunca se publicou no BOP, estivo 6 anos aplicándose de forma ilícita. Os socialistas xa alertaran no pasado mandato sobre a ausencia deste regulamento no Portal de Transparencia e presentaron un rogo para darlle solución, “pero semella que nin sequera entón se deron conta da non existencia de dito documento”. Foi con motivo do último Pleno municipal, tras unha moción presentada polo grupo socialista, cando o Concello publicou finalmente a ordenanza.

No seu momento, explica Acacio, o alcalde defendeu a necesidade desta normativa en Outeiro de Rei porque a rehabilitación e rexeneración urbana precisa de instrumentos técnicos que permitan ás administracións lograr que os propietarios cumpran as súas obrigas de manter os seus bens inmobles en condicións de seguridade e salubridade. “Está ben esixirlle á xente que cumpra coas súas obrigas, pero tense que facer dende o rigor”, apuntou a socialista, quen engadiu que “o rexedor demostra unha vez máis que non ten a capacidade de cumprir coa responsabilidade que esixe o cargo”.