Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Remata o concurso de recitado a Rosalía na Casa Museo de Manuel María

Por 3 Marzo, 2024Marzo 4th, 2024Sin comentarios

A poesía de Rosalía de Castro e Manuel María soou na voz dos escolares galegos que participaron, este sábado, 2 de marzo, no VIII Concurso de recitado Rosalía sempre viva. Certame organizado pola Casa-Museo Manuel María.

A actividade desenvolveuse en dúas sesións, de mañá e de tarde, e contou cunha importante participación. O alumnado participante, de entre os 6 e os 18 anos, realizou un excelente concurso cun nivel moi salientábel que puxo moi complicado o veredicto do xurado.

Esta era a fase final dun concurso en que os diferentes centros de ensino xa fixeran, previamente, unha primeira fase nos seus centros, enviando un máximo de dous alumnos/as por categoría. Desta maneira o certame no seu conxunto consegue, ano tras ano, a participación dun número moi importante de escolares.

Os premiados segundo as categorías foron:
-1ª categoría (1º, 2º e 3º de primaria): Daniela Velo Veiga, do CPI de Xanceda (Mesía), co recitado do poema Adiós ríos, adiós fontes de Rosalía de Castro, do seu libro Cantares Gallegos.
-2ª categoría (4º, 5º e 6º de primaria): Lara Arias Sanjurjo, do CPI de Xanceda (Mesía), co poema Alborada nº1 de Cantares Gallegos, Rosalía de Castro.
-3ª categoría (Educación Secundaria): Pablo García Martínez, do IES de Foz, polo recitado Cantas os galos pró día de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.
-4ª categoría (Bacharelato e Ciclos Formativos): Iria Mariño Solla, do IES Val do Tea (Ponteareas), co poema Cando a luniña aparece, de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

Tamén recibiron unha mención honorífica na categoría 2ª, Daniela Otero Fernández, do CEIP Anexo-A Lomba, de Vilagarcía de Arousa, polo seu recitado do poema de Rosalía de Castro Quíxente tanto meniña. E igualmente na categoría 3ª recibiron unha mención honorífica Lucía Seoane Fernández do Colexio Marista A Inmaculada de Lugo polo recitado do poema de Rosalía Adiós ríos, adiós fontes, e Sara Martínez Quindimil, do CPI de Xanceda, co poema Tanto e tanto nos odiamos, pertencente a Follas Novas, de Rosalía de Castro.

A Casa-Museo Manuel María agradeceu a todos os presentes, alumnado finalista, familias e profesorado acompañante e público en xeral, a súa total colaboración para que a xornada de convivio decorrese con suceso, así como o apoio da área de cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.