Skip to main content
As Pontes

Celebran nas Pontes un novo Encontro Pola Igualdade

Por 26 Marzo, 2024Marzo 27th, 2024Sin comentarios

A Pontes acolleu un novo encontro da Rede pola Igualdade das Pontes, un espazo participativo que comezou a camiñar a finais do ano 2022.

O encontro tivo como finalidade poñer en valor o traballo conxunto a prol da igualdade desde ámbitos de actuación moi diversos: social, cultural, deportivo, educativo, empresarial, veciñal etc. A partir de diferentes dinámicas de traballo, as entidades puxeron en común as dificultades que atopan á hora de promover a igualdade de oportunidades desde os seus respectivos ámbitos. Foron abordadas problemáticas como a persistencia de estereotipos de xénero no ámbito laboral, a segregación ocupacional, a escasa valoración social das profesións feminizadas, a falta de corresponsabilidade ou a carga de coidados que sofren as mulleres de forma cotiá. Nesta mesma liña, as persoas participantes tamén afondaron, desde un enfoque interseccional, nas desigualdades que as mulleres migrantes, maiores, viúvas, con discapacidade ou en situación de adicción enfrontan no seu día a día.

Así mesmo, este encontro contribuíu a que as entidades participantes continúen coñecendo iniciativas e proxectos impulsados por outras organizacións que actúan no territorio, e a que sigan compartindo información e recursos entre elas. Púxose en valor, ademais, como as sinerxías que se crean na Rede serven para abordar as limitacións que cada entidade atopa no seu traballo cotiá e, así, crear comunidade.

As persoas participantes estiveron de acordo en definir a Rede como un espazo de colaboración e cooperación entre organizacións, de apoderamento persoal e social, de formación e concienciación e, ademais, entenden este espazo de encontro como un foro que serve para trasladar propostas ao Concello. Neste sentido, destacouse o impulso que pode supor a Rede pola Igualdade das Pontes para o desenvolvemento da política municipal de igualdade.

A esta xornada asistiron persoas representantes de 15 entidades que forman parte do tecido asociativo e empresarial pontés: EuroEume, A Xanela, Adiante, Asociación de Viúvas María Magdalena, Asociación Informática Amigus, A.VV. de Vincallo, Cáritas, Colectivo Feminista, Club de Rugby Fendetestas, Picariños, Quemaisten Teatro, Taller de Arte Comeluz, Laboratorio Néboa e diversas Asociacións de Nais e Pais, como a ANPA Medoñas e a ANPA da Escola Infantil A Barosa. A directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM), Carmen Rego Piñeiro, agradeceu a participación de todas as organizacións que compartiron este espazo comprometido coa promoción da igualdade.

A Rede pola Igualdade segue acollendo a novas entidades participantes e é considerada moi necesaria para as persoas que forman parte dela. Sinerxía, coñecemento, oportunidades, veciñanza, ilusión, futuro, loita compartida e interacción son só algunhas das palabras que elixiron as persoas asistentes ao encontro para resumir o que lles suxire este espazo de escoita e intercambio de opinións.