Skip to main content
Rábade LUGOXARábade TERRACHÁXA

Abre o prazo de inscrición para o Máster de Futbolín de Rábade

Por 2 Marzo, 2024Sin comentarios

A competición, que amplía este ano espazos, celebrarase do 28 ao 30 de marzo. Complementarán o campionato cunha homenaxe aos participantes en todas as edicións.

O Máster Nacional de Futbolín de Rábade abriu este venres 1 de marzo as inscricións para a 25 edición desta competición, organizada pola asociación Bola de Meiga e que conta co apoio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O torneo celebrarase do 28 ao 30 de marzo e está aberto á participación de persoas de todas as categorías e niveis de xogo. As inscricións estarán abertas ata o 25 de marzo.

O deputado Daniel García mantivo un encontro con representantes da entidade organizadora e destacou a traxectoria do torneo “un dos máis consolidados no deportivo pero tamén a nivel social. Trátase dunha cita marcada no almanaque das veciñas e veciños do concello de Rábade xa que deixa unha boa pegada na economía da vila e de toda a provincia”. Encadrou o apoio a este torneo na “na colaboración que desde a área de Mocidade mantemos co tecido asociativo, facilitando que colectivos como neste caso Bóla Meiga lle dean continuidade ao seu traballo, que ademais neste caso celebran o cuarto de século”.

Dende a organización agardan unha edición de éxito e máis de 700 xogadores e xogadoras xa que “nunha xornada xa contamos con representantes de case todas as Comunidades Autónomas, o que nos fai saber que o atractivo deste torneo medra, grazas por unha parte ao aumento na dotación de premios ata os 15.000 euros”, explicaron. Este ano o espazo de xogo amplíase e, ademais do pavillón do IES Río Miño e o salón da cafetería Papyrus, o pavillón do colexio Otero Pedrayo acollerá algunhas partidas, permitindo un maior número de xogadores e xogadoras.

No 25 aniversario a organización ten proxectada unha homenaxe a todas as persoas que participaron no campionato dende os seus comezos. Consistirá nun percorrido duns 400 metros a través do que trasladarán un futbolín, amosarán os carteis máis representativos deste torneo e recoñecerase ás persoas gañadoras de edicións pasadas, participando moitas delas. “O camiño farémolo dende o espazo onde se atopaba o primeiro futbolín que trouxeron a Rábade en 1952, polo que non só homenaxeamos ao Máster, se non que tamén o facemos a todas as persoas que se iniciaron nesta afección fai máis de 70 anos”, resaltan dende Bola de Meiga.

O Máster conta coas modalidades de participación habitual: en movemento, parado, feminino e combinada. A primeira xornada, como actividade previa ao inicio da competición, organízase un torneo de parellas cegas, no que os emparellamentos se definen por sorteo.