Skip to main content
Barreiros

Mariña Patrimonio e ADEGA denuncian o abandono do xacemento arqueolóxico da Roda en Barreiros

Por 9 Abril, 2024Sin comentarios

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, e Mariña Patrimonio denuncian a alarmante degradación do xacemento arqueolóxico da Roda, situado na parroquia de Santiago de Reinante, no concello de Barreiros. O estado de deterioración no que se atopa este sitio arqueolóxico é motivo de preocupación para ambas asociacións, que reclaman a acción inmediata das administracións responsables da conservación deste ben patrimonial, teoricamente protexido.

Segundo sosteñen, o xacemento arqueolóxico está abandonado e as súas estruturas arqueolóxicas gravemente degradadas. A vexetación medra no foxo, nos muros de pedra e nos estratos arqueolóxicos. Tamén se aprecian desprendementos de pedras no xacemento e nos cortes arqueolóxicos das sondaxes. Para os colectivos, o incumprimento de custodiar e conservar o xacemento arqueolóxico da Roda é inaceptable, tendo en conta que a lexislación sobre o patrimonio cultural obriga ás persoas propietarias a velar pola súa conservación.

Neste sentido, ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron en decembro de 2022 unha denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio contra o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana como titular dos terreos nos que se atopa o xacemento e, en consecuencia, responsable da súa conservación.

Escavado no 2006

Un ano despois, ADEGA e Mariña Patrimonio presentaron unha queixa formal perante a Valedora do Pobo, ao teren constancia de que a DXPC non tramitou dita denuncia e continúa a desentenderse do seu deber de custodiar e conservar este ben patrimonial.

As asociacións lembran que o xacemento da Roda foi escavado no ano 2006 durante a construción da Autovía do Cantábrico (A8) no tramo de Barreiros – Reinante. Inicialmente catalogado en 1989, atopábase nunhas coordenadas inexactas, erro de localización que foi detectado cando comezaron os movementos de terras na contorna da Roda para as obras da autovía.

Estas circunstancias obrigaron ao Ministerio a realizar sondaxes valorativas e unha escavación posterior de todo o xacemento. Os resultados revelaron que o sitio, inicialmente considerado un castro, era posiblemente un recinto prehistórico anterior á época castrexa. A relevancia arqueolóxica dos restos atopados levou á modificación do tramo da autovía para preservar a estrutura circular da Roda.

Denuncia por abandono

Xa no ano 2013, ADEGA, xunto con Mariña Patrimonio e Cultura do País, presentaron unha primeira denuncia polo abandono e deterioración do xacemento. Posteriormente a esta denuncia, as distintas administracións responsables do xacemento da Roda de Barreiros anunciaron en repetidas ocasións a inminente consolidación e valorización deste ben patrimonial.

Foi no 2015 cando a Xunta promova e financia traballos arqueolóxicos para ampliar datos sobre o xacemento. Estes traballos consistiron nunha limpeza da vexetación que invadía o sitio arqueolóxico, así como a realización de sondaxes arqueolóxicas. Grazas a estas intervencións, logrouse un avance significativo na información sobre o xacemento, o que permitiu determinar con precisión que A Roda pertence ao período do Bronce Medio.

Dita intervención arqueolóxica situou A Roda nun lugar de relevancia singular, tanto no panorama galego coma no estado. Non obstante, a pesar dos importantes datos obtidos e das promesas en relación coa consolidación e valorización do xacemento, lamentablemente estas promesas nunca chegaron a materializarse.

Carece de mantemento

Malia ser un xacemento escavado, aseguran que carece dun plan de mantemento e conservación que protexa as súas estruturas arqueolóxicas dos fenómenos medioambientais nin dos factores biolóxicos.  Anualmente realízase unha roza no xacemento, práctica insuficiente e posiblemente prexudicial, pero na actualidade é notorio e visible o estado de abandono no que se atopa este ben patrimonial, especialmente vulnerable por estar escavado e non contar cunha cuberta natural de solo que protexa os seus estratos arqueolóxicos.

Nestes casos a deterioración é máis acusada que nun xacemento arqueolóxico non escavado, onde as arquitecturas e estratos arqueolóxicos estarían protexidos por un manto de terra. A lexislación que protexe o patrimonio cultural é clara en canto á obriga das persoas propietarias de custodiar e conservar os bens protexidos. O incumprimento deste deber de conservación está sancionado como infracción administrativa en ambas normativas.

Dado que a obriga do Ministerio de Transportes é custodiar e conservar este ben patrimonial, dende ADEGA e Mariña Patrimonio solicitan á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que tramite urxentemente a denuncia presentada por ambas asociacións no 2022. Piden que se cumpran as normativas vixentes relacionadas coa protección do patrimonio cultural e instan ao Ministerio a emprender as accións necesarias para deter o proceso de deterioración e para protexer debidamente o xacemento arqueolóxico da Roda.