Skip to main content
Barreiros

O PP de Barreiros reclama ao Goberno local maior preocupación pola Fraga de Santo Estevo

Por 15 Abril, 2024Sin comentarios

Tradicionalmente, o luns de Pascua celébrase en Barreiros a romaría na Fraga de Santo Estevo do Ermo, unha celebración que se trasladou ao mes de xullo e na que que moitos veciños do municipio se achegan ata a zona para manter viva a celebración.

Precisamente esta zona, de gran importancia para os barreirenses e á que se achegan a maior parte dos turistas que visitan o municipio este ano, deixou unha imaxe “de tristura”, segundo denuncian os populares. Segundo a formación política  o Goberno local non se preocupou por realizar “un mínimo mantemento” do entorno.

O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, explica que nin se rozou a maleza, nin se arranxou a escalinata que une a parte superior e inferior da Fervenza de Santo Estevo do Ermo, danada trala caída dunha árbore hai unhas semanas. “Está claro que foi un accidente, pero danáronse varios chanzos, dificultando o acceso, pero dende o goberno local non se preocuparon por arranxalo pese a que en Semana Santa chegaron moitos turistas ao municipio”, lamentou.

Sinalar as incidencias

Ante esta situación, dende o PP de Barreiros piden ao goberno local que sinalice esta incidencia para que as persoas que se achegan ata alí non corran risco algún. Segun afirman, actualmente “nada se fixo aínda na zona” pese a que “o lóxico sería mantelo en boas condicións todo o ano, non so preocuparse cando chegan os turistas, que nin iso foron capaces de facer”.

Dende o PP de Barreiros tamén se pide ao Goberno local unha campaña de concienciación para evitar danos no medio natural despois de ver como se pintaron varias sinais nas rochas do entorno da capela. “Imaxinamos que sería sinalización para unha ruta ou un evento e que se fixo sen maldade, pero o Goberno local podería realizar unha campaña para fomentar o uso de sinalización provisional neste tipo de actos para así non danar un entorno moi fermoso”, finalizaron.