Skip to main content
Ribadeo

O Concello de Ribadeo asina un convenio para a rehabilitación dos espazos das praias dos Castros, As Illas e Esteiro

Por 3 Abril, 2024Sin comentarios

Concello de Ribadeo e Xunta de Galicia asinarán un convenio para a rehabilitación dos espazos das praias dos Castros, As Illas e Esteiro. Os areais estarán listos para o seu uso e disfrute o vindeiro verán.

O alcalde, Dani Vega, anunciou que “Concello e Xunta seguimos a colaborar e imos asinar un convenio para rehabilitar todo o espazo das praias dos Castros, As Illas e Esteiro. Todos sabemos que foron moitos anos sen ningún tipo de conservación e mantemento e isto tivo grandes consecuencias. Faltan moitas pedras nas beirarrúas, as varandas están totalmente destrozadas, os baños están nun estado ruinoso e non podemos presentar estes areais así para os visitantes e para os nosos veciños e veciñas”.

O rexedor dixo que “o que necesitamos é unha inversión. Este investimento que tiña que estar feito agora temos que xestionalo para conservar o que hai. Nosoutros, sempre o dicimos, o importante é conservar o que hai feito, non facer por facer, senón que ten que haber un orzamento destinado e concretado durante os anos para conservar o que xa temos. Estes espazos turísticos e naturais aos que moita xente acode na época estival ou durante todo o ano a pasear, a respirar, a gozar desa tranquilidade medio ambiental, debemos telos conservados”.

Para Vega “é unha boa noticia que hoxe a Xunta e o Concello firmen un convenio de colaboración. E tamén anunciar que a Xunta vai investir na praia das Catedrais en todo o acceso da entrada e no aparcadoiro existente. Aí haberá unha modernización e unha mellora de todo o espazo para ter ben conservado todo ese entorno”.

O alcalde ribadense subliñou que “é un paso moi importante o que se anuncia hoxe. Tamén anunciabamos hai poucos días unha actuación no Cargadeiro, polo tanto imos ter todos estes espazos naturais preparados para o verán, que é moi importante”.