Skip to main content
Becerreá

Rexeitada a moción do BNG de Becerreá para crear un centro de información á muller

Por 7 Abril, 2024Sin comentarios

O BNG de Becerreá levou ao pleno celebrado o pasado venres unha moción para que o goberno municipal iniciara o procedemento para a instalación dun centro de información á muller no concello de Becerreá.

Na sesión plenaria non se aprobou dita instalación polo voto de calidade en contra do alcalde de Becerreá.

Martín Gómez, concelleiro do BNG Becerrreá defendeu a importancia deste tipo de centros que “garanten o fomento da igualdade e a prestación dun servizo de información ás mulleres, proporcionando asesoramento xurídico e psicolóxico, información sobre recursos, así como de calquera outra actividade que teña por obxecto a promoción dunha sociedade xusta e igual”.

O concello de Becerreá carece dun servizo imprescindible na loita contra a violencia de xénero. “As nosas veciñas, e as súas familias, non teñen acceso a un asesoramento xurídico específico, á atención e terapia en saúde mental apropiada e centrada na violencia, a nosa veciñanza non é destinataria de actividades formativas neste eido” explicou o voceiro nacionalista. “Unha vez máis vemos como a falta de empatía do alcalde fai que non saían adiante propostas de calado importante para o noso concello” concluíu Martín Gómez.