Skip to main content
A FonsagradaLugo

Adega Lugo organiza unha nova ruta pola Fonsagrada

Por 5 Abril, 2024Sin comentarios

O vindeiro domingo 21 de abril, a delegación de Lugo de Adega, no marco do programa de rutas ‘As montañas gardiás da nosa historia’; achegará aos participantes ata a aldea Liñares de Vidul, nun percorrido a través de antigos sendeiros que nos permitirá ollar Asturias dende a Fonsagrada.

A xornada comezará cunha visita ao Museo Etnográfico da Fonsagrada. Dende alí collerase o autobús, que deixará aos asistentes no punto de inicio, na aldea de Liñares de Vidul, onde comezará a ruta por antigos sendeiros, con lugares abandonados e fermosos bosques de vexetación autóctona, antigas construcións tradicionais como ouriceiras ou ferreirías. Pasaremos polo agora abandonado lugar de Ludeiro, con restos de adegas antigas e fornos de fundición de ferro. Continuaremos a andaina cara á cola do encoro de Grandas de Salime, pola variante de Riodeporcos, bonita vila asturiana á que accederemos a través dunha ponte colgante. Seguindo o leito do río, se o caudal o permite, chegaremos a Fornaza, onde estará o autobús para o regreso.

O percorrido é duns 10 Km e de dificultade media debido ás pendentes de baixada, e haberá un autobús sairá ás 9.00 horas dende Lugo e estará de volta sobre ás 19.00 horas (o horario de regreso pode variar).

As rutas de Adega-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades, aínda que os socios e socias de Adega gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos.

Para participar é necesario inscribirse antes do venres 19 ás 13.00 horas a través do formulario de reserva da bitácora das rutas.(https://roteirosadegalugo.wordpress.com/) ou chamando ao 982 240 299.