Skip to main content
Lugo

Medio centenar de cidadáns daneses visitan o edificio Impulso Verde

Por 9 Abril, 2024Sin comentarios

Medio centenar de cidadáns daneses visitaron as instalacións do edificio municipal Impulso Verde, promovido polo executivo municipal na Garaballa no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, cofinanciado pola Unión Europea. O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, acompañou ao grupo que se achegou ao municipio de Lugo nunha viaxe organizada por DEO, unha organización liberal danesa de educación de adultos que traballa pola democracia en Europa.

O grupo mostrou o seu interese por coñecer exemplos de edificación e de arquitectura na que se aplican novas tecnoloxías da construción e utilízanse técnicas de arquitectura pasiva, como ocorre no edificio Impulso Verde. Neste senso, o edil destacou “a proxección internacional deste inmoble, que esperta o interese da sociedade civil máis aló das fronteiras da nosa comunidade e incluso no exterior, en países que xa son referentes na aplicación de políticas en prol da sustentabilidade como é o caso de Dinamarca”.

A instalación cumpre, a través das numerosas visitas que recibe, coa súa importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Paula Alvarellos. Un proxecto, clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.

Así, trátase do primeiro edificio en España e un dos poucos no mundo en obter a certificación de proxectos FSC, unha prestixiosa garantía que confirma que esta construción non contribúe á deforestación e aposta polo produto local. Tamén é un referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.