Skip to main content
Lugo

Ana Abelleira destaca o compromiso de Lugo na asemblea do Fondo Galego de Cooperación

Por 12 Abril, 2024Sin comentarios

A concelleira de Cohesión Social e Territorial, Ana Abelleira, participou na asemblea xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, celebrada no Auditorio Xosé Neira Vilas, da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Durante o encontro, a edila destacou o compromiso do Concello de Lugo coa cooperación internacional mediante a convocatoria de subvencións destinadas a Organizacións non Gobernamentais, co obxectivo de levar a cabo proxectos que axuden a mellorar a calidade de vida en países subdesenvolvidos.

“Nesta anualidade destinaremos un investimento de 40.000 euros para estas axudas, coas que contribuír a acadar unha igualdade de oportunidades real noutras sociedades e mellorar a cohesión social nos puntos xeográficos máis desfavorecidos do mundo”, subliñou a concelleira. A esta achega súmase outra de 10.000 euros para o desenvolvemento de campañas de sensibilización e concienciación sobre a necesidade de corrixir as desigualdades de xeito global.

O traballo de cooperación internacional lévase a cabo a través dunha estreita colaboración cos colectivos especializados (ONGs) e co resto das administracións galegas a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”. Precisamente, durante a asemblea celebrada aprobáronse os obxectivos e estratexias que guiarán as actuacións do Fondo durante o período 2024-2027, un período crucial para a entidade no que cumprirá os 30 anos de historia.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación sen ánimo de lucro de carácter municipalista que agrupa a Concellos e Deputacións de toda Galicia, unidos pola preocupación común de levar adiante iniciativas de cooperación ao desenvolvemento cos países do Sur. Tras 27 anos de andaina, o Fondo Galego suma un total de 104 administracións locais.