Skip to main content
Palas de Rei

CCOO pídelle a Altri un proxecto máis sostible e estable para o futuro dos traballadores

Por 13 Abril, 2024Sin comentarios

O Comité de Dirección do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia manifesta a súa “preocupación” pola xestión e transparencia do proxecto industrial no concello lugués de Palas de Rei. CCOO constata as “grandes potencialidades” dos proxectos industriais en Galicia baseados na utilización dos recursos endóxenos. Pero trasladan que o proxecto industrial de Greenfiber “ocasiona un impacto negativo sobre o medio ambiente que deberá ser minimizado” para cumprir cos obxectivos da loita contra o cambio climático e do desenvolvemento sostible.

CCOO manifesta tamén a súa “preocupación pola redución dos recursos hídricos que sufrirá o río Ulla” como consecuencia do proceso produtivo do proxecto, que se podería sumar nun futuro ás diminucións medias en España, segundo os expertos, entre un 5 % e un 14 % para o horizonte do 2030.

Porén, este PIE de Palas de Rei “ten que axustar os usos e consumos de auga á dispoñibilidade dos recursos”, subliña o sindicato. A implantación desta industria debe abordar “de maneira equilibrada” as tres dimensións do proxecto: a económica, a ambiental e a social. “Pode ser un erro pretender dar máis valor á dimensión económica e xeración postos de traballo ca ás outras ou viceversa”, inciden. CCOO insta a todos os axentes implicados a valoraren de maneira “equilibrada e obxectiva” o proxecto e a traballar na viabilidade dunha industria necesaria “pero non a calquera prezo”.

Piden un proxecto máis sostible

Neste sentido, CCOO manifesta a necesidade de que o proxecto sexa máis sostible, de baixo impacto co medio ambiente e a biodiversidade e con garantías de estabilidade e de futuro para as persoas traballadoras. “O actual modelo é un insaciable consumidor de recursos naturais que, unha vez transformados e consumidos, convértense en residuos, xeralmente destinados a vertedoiros”.

Por esta razón, débese transformar nun modelo circular e pechado, “onde os produtos, desde a súa concepción, sexan deseñados para que, unha vez utilizados, poidan ser reutilizados ou destinados para a súa transformación noutros novos”. A dirección de CCOO en Galicia, tras a reunión mantida con Greenfiber, continuará mantendo contactos coas Administracións e axentes sociais, “xa que non existe nestes momentos a suficiente información para un apoio á planta que garanta o equilibrio necesario entre os intereses económicos, a protección do medio ambiente e a aceptación social da poboación afectada”.