Skip to main content
Axenda RIBEIRASACRAXABóveda

A Casa da Memoria de Bóveda acolle unha gran programación para as fins de semana

Por 11 Abril, 2024Abril 26th, 2024Sin comentarios

A Casa da Memoria de Bóveda presenta unha extensa programación para todos os sábados do mes de abril, maio e xuño na que poderán participar de maneira gratuíta todas as persoas interesadas.

Así, a primeira das actividades será este sábado, 13 de abril, ás 20.30 horas, cando terá lugar o espectáculo teatral familiar a cargo de Rubén Pérez coa obra ‘A viaxe do Señor López’.

A seguinte actividade terá lugar o seguinte sábado, 20 de abril, cando se celebrará a V Xornada Guerrilleira a partir das 10.00 horas, en colaboración coa V Xornada Guerrilleira REPIL da Pobra do Brollón.

Pola súa parte, o 27 de abril desenvolverase o concerto ‘Tal como as nubes’ do dúo formado por Bea Martínez á arpa e Diego Langarika ás guitarras.

Xa en maio, o día 4 terá lugar o espectáculo ‘Rosas Negras’, un evento de poesía, música e arte escénica a cargo de Chefa Alonso ao saxofón e percusión e Marina Oural, que será a voz.

O sábado 11 de maio celebrarase un acto de música conectada a partir das 21.30 horas, cunha experiencia musico-sensorial con Carmen Penim e a seguinte fin de semana seguinte non haberá actividades destacadas, xa que se celebra o Día das Letras Galegas.

A última fin de semana de maio, o sábado 25, terá lugar un concerto de música tradicional de Castela e León & Tradi Jam Session, un espectáculo etnográfico do artista e musicólogo Martín Ramos.

Xa en xuño, o 1 ás 21.30 horas haberá unha presentación literaria do libro ‘Despertar en la oscuridad’ de Adrián Enríquez e unha exposición de moda ‘Caso 247’ de Cristina Silvosa.

E, para rematar, o 15 de xuño ás 22.30 horas terá lugar o concerto ‘Todo sanará’ do dúo formado por Robert Pier á voz e á guitarra, e por Javier Cedrón ao violín.