Skip to main content
Axenda RIBEIRASACRAXADeportes RIBEIRASACRAXAMonforte

Monforte acollerá o XIX Campionato de España Masculino de Pitch & Putt no Club Río Cabe

O XIX Campionato de España Masculino de Pitch & Putt 2024 celebrarase nas instalacións do Club Río Cabe de Monforte os vindeiros 11 e 12 de maio.

O venres día 10 será a xornada de adestramento oficial, o sábado diputaranse dúas roldas de 18 ocos e na xornada do domingo unha rolda máis que decidirá quen será o Campión de España deste ano.

Na presentación do evento, a tenente de alcalde estivo acompañada polo presidente do Club Río Cabe, José Ángel Pérez Reñones, e pola súa xerente, María Eugenia Graña Rosales, e resaltou como “excelente noticia” a concesión por parte da Federación Española de Golf deste campionato a Monforte, agradecéndollo á Federación e o traballo desenvolto polo Club nas xestións que fixeron posible a chegada deste campionato estatal á cidade do Cabe.

A previsión é que a cidade reciba a presencia de 108 xogadores provenientes de toda España, que virán acompañados por familiares e amigos, polo que Prada destaca que o campionato “xerará un importante impacto no noso sector hostaleiro e de restauración e será tamén unha ocasión excepcional para dar a coñecer o valor turístico, patrimonial e gastronómico da nosa zona, polo que sen dúbida, será un bo reclamo promocional para todo o sur da nosa provincia”.

Apoio do Concello de Monforte e da Deputación de Lugo

A tenente de alcalde transmitiu os seus desexos de éxito para o Campionato, “porque será tamén o éxito de nosa cidade e da Ribeira Sacra, e si pode ser, que o gañe un monfortino”. E rematou a súa intervención manifestando o apoio tanto do Concello de Monforte como da Deputación de Lugo coa actividade do Club Río Cabe, que se mantén ano a ano.

Ademais, o Concello ten contratado con Club Río Cabe o desenvolvemento dunha Escola Deportiva Municipal de Golf dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 15 anos, e que se desenvolve as mañás dos sábados dende outubro a maio. Actualmente, esta escola conta con 3 grupos anotados.

“É unha gran noticia para Monforte o poder albergar a máxima competición nacional deste deporte, xa que durante esa semana a cidade acollerá ós 108 xogadores participantes, ós seus acompañantes e ós afeccionados que se despracen á cidade do Cabe para presenciar a competición”.