Skip to main content
Sarria

A aprobación dos orzamentos de Sarria peligra tras un informe desfavorable de Intervención

Por 2 Abril, 2024Abril 3rd, 2024Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular advirte que “o alcalde está enganando aos veciños co presuposto municipal” porque “anuncia gastos e inversións sabendo que non vai ter o diñeiro para pagalos”. De feito, “non o dicimos nós, senón que o recolle Intervención nun informe desfavorable ao proxecto de orzamentos municipais para este 2024 ao apreciar ingresos inxustificados”.

A voceira, Carmen José López, considera unha “irresponsabilidade” levar a Pleno un presuposto cos informes técnicos en contra e anunciar un incremento de 2 millóns de euros no orzamento “sendo plenamente consciente de que o Concello non vai ingresar ese diñeiro”. Así, condena que “Garrido debuxe castelos no aire”.

De feito, “o alcalde basea unha parte do incremento do presuposto en subidas por recadación de taxas que poderían superar nalgún caso o 200 % con respecto ao recadado no ano 2023 sen ter xustificación ningunha porque non hai ningún estudo que sustente esa previsión”.

Igualmente, López explica que “do informe de intervención tamén se desprende que o Goberno local está a inflar os ingresos porque infla as subvencións incluso en casos nos que xa ten constancia expresa e por escrito do importe máximo que lle poden conceder”.

Necesidade dun Plan de Axuste

O informe de Intervención advirte que o presuposto presentado por Garrido incumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria porque “xa prevé necesidade de financiamento”. De feito, o informe sinala que “o que non é admisible é que o presuposto teña unha necesidade de financiación estrutural”.

Tamén incumpre o obxectivo da regra de gasto. “O incremento do gasto sen incremento de ingresos pon de manifesto un descontrol que levará ao Concello a ter que tomar medidas”.

Así, “a liquidación do presuposto con resultado de incumprimento conlevaría á necesidade de aprobar un Plan de Axuste”.